Conxemar expulsa unha empresa italiana por publicidade sexista dos seus produtos do mar
A organización da feira condenou "rotundamente o uso da imaxe da muller como reclamo comercial sexista e vexatorio"
A dirección da feira internacional dos produtos do mar conxelados, Conxemar, decidiu expulsar «de forma inmediata e definitiva» unha empresa italiana por exhibir publicidade «sexista e denigrante» no evento, que conclúe este xoves en Vigo.
A organización, a través dun comunicado, condenou «rotundamente o uso da imaxe da muller como reclamo comercial sexista e vexatorio».
Conxemar sinalou que este tipo de campañas resulta totalmente «incompatible cos principios de igualdade, dignidade e respecto que defende a organización», que conta con 269 asociados.
O Ministerio de Pesca de Italia rexeita este tipo de publicidade
Tras detectar os feitos, Conxemar contactou co Ministerio de Pesca de Italia, responsable do pavillón onde se situaba a firma, e esa institución manifestoulle que «descoñecía a acción, desvinculouse e rexéitaa frontalmente».
A decisión de vetar a continuidade da compañía na feira é «firme», xa foi comunicada ao ministerio italiano e «será executada con carácter inmediato», polo que o expositor non estará presente na xornada deste xoves.