Os froitos de Conxemar: como os contactos que se fan en Vigo se converten en negocios millonarios
A 27ª edición da feira bule de actividade con 836 expositores e 47 países con representación propia
Pequenas e grandes empresas da pesca apalabran acordos que adoitan asinarse pasado o tempo
A Conxemar vaise mover a boca, e non só por probar os produtos que presentan as empresas cada ano na feira de Vigo. O Ifevi é esta semana o maior centro de negocios de Galicia, un dos maiores de España. Provedores e compradores de todo o mundo reúnense alí para coñecer propostas, facer ofertas e, moitas veces, apalabrar negocios que poden cristalizar meses despois.
Atopámolo na caseta de Lanzal, onde o cociñeiro Javier González, o director de Lume Alimentación, charla con, como el mesmo di, "un peixe gordo do sector", a directora de Xestión de Categorías da cadea de supermercados Aldi. Entre eles, un produto de Lume que podería estar pronto nos andeis das tendas.
"A idea é presentar produto de cara á campaña do ano que vén, facer planificación con grandes operadores...", explica Javier González.
"As relacións fanas as persoas, ademais dos bos produtos, e o obxectivo é afianzar que vaiamos aliñados e teñamos unha visión compartida do que ten que ser o negocio", completa a responsable de Aldi.
Son negocios que poden agromar en Conxemar e que saen á superficie meses despois, se cadra convertidos en contratos millonarios. Atopamos un exemplo no posto do histórico grupo Pereira. O ano pasado, unha cadea de supermercados de Suráfrica descubriu en Conxemar un dos seus novos produtos, as conservas Portomar que se elaboran en Vilagarcía.
"Probou aquí as conservas de Portomar, o boas que estaban. El vira aquí a falar de conxelado, falou de conxelado e acabou mercando conservas que xa están alí agora mesmo en Suráfrica", relata o responsable de Relacións Exteriores e Desenvolvemento de Negocio de Pereira, Ruy Andrade.
Novas tendencias
As empresas presentan produtos e tamén buscan respostas: sobre que queren os clientes, que lles poden ofrecer. En Conxemar, hai anos, líbrase un combate contra o descenso no consumo de peixe. Por iso, as compañías levan a Vigo preparacións innovadoras, en especial, que sexan doadas de consumir.
"Os clientes buscan produtos que xeren moita rapidez á hora de cociñar, produtos de quinta gama, esas sons as tendencias agora mesmo", asegura o director de Márketing de Congalsa, David Campelo.
Tendencias que chegan tamén do outro lado do mundo. Na 27ª edición de Conxemar participan 836 expositores e 47 países teñen representación propia. Hai enviados de Islandia, da Arxentina, de Indonesia ou de Corea do Sur, que acolle varias empresas nunha gran caseta. Lee Jung Hoon, o responsable do seu Centro de Comercio de Produtos do Mar, explica que ven Vigo como unha porta de entrada para exportar a Europa. Queren vender aquí ameixa, ostra, sardiña e a súa particular kim.