Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un coche da Policía Local de Pontevedra cae por un desnivel tras unha persecución

Un coche da Policía Local de Pontevedra cae por un desnivel tras unha persecución

Tras unha persecución por varias rúas do centro da cidade, o coche policial impactou co vehículo que fuxía

Os dous axentes que viaxaban no vehículo puideron saír polo seu propio pé, un deles sufrindo feridas leves 

G24.gal 06/03/2026 09:43 Última actualización 06/03/2026 14:50

Un vehículo da Policía Local de Pontevedra sufriu un accidente na pasada madrugada, tras unha persecución policial por varias rúas da cidade que terminou nas inmediacións da estación de autobuses.

Segundo fontes do Concello de Pontevedra, o suceso iniciouse ao redor das 00.48 horas, cando unha patrulla identificou un turismo detido nun semáforo da rúa José Malvar.

"Parárono no semáforo para comprobar o estado administrativo do vehículo e do conductor e nese momento fuxiu a toda velocidade", explica José Manuel González Abal, xefe da Policía Local de Pontevedra.

Tras recibir o alto dos axentes, o condutor emprendeu a fuxida a gran velocidade, o que deu lugar a unha persecución que percorreu varias vías principais, entre elas Doce de Novembro, Eduardo Pondal e Josefina Arruti.

"Foi unha persercución a alta velocidade, estamos investigando aínda a canto, pero sabemos que fixo manobras temerarias e puxo en risco outros usuarios que tiveron que realizar manobras evasivas para evitar a colisión".

O seguimento concluíu na contorna de rúa da Estación, fronte á estación de autobuses. Nese punto, os axentes lograron alcanzar ao vehículo fuxido e produciuse unha leve colisión entre ambos os dous automóbiles.

"O conductor da patrulla perdeu o control do coche, saiu da vía e aínda que freou e ía xa a pouca velocidade non puido evitar caer no terraplén".

O turismo policial subiuse á beirarrúa e acabou precipitándose por un desnivel de aproximadamente dous metros despois de derrubar o valo de protección do paso que conecta a rúa Josefina Arruti coa avenida de Vigo, á altura da rotonda.

A pesar da caída, os dous policías que viaxaban no vehículo puideron saír polo seu propio pé. O condutor resultou ileso, mentres que o seu compañeiro sufriu feridas de carácter leve.

En canto ao vehículo que protagonizou a fuxida, os axentes lograron identificalo, aínda que polo momento non se produciu a detención das persoas que viaxaban nel.

A zona na que quedou o coche policial permanece acordoada desde primeiras horas da mañá á espera de que o vehículo sexa retirado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade