Publicador de contidos
Publicador de contidos

A automoción en Galicia adáptase a un contexto non sempre favorbale, por María Bastida

OPINIÓN

A automoción en Galicia adáptase a un contexto non sempre favorbale, por María Bastida

G24.gal 25/04/2024 08:38

A industria automotriz en Galicia abre paso en España demostrando ter unha notable capacidade de adaptación a un contexto non sempre favorable á vez que un amplo potencial de crecemento. A Agrupación industrial de Empresas de Automoción de Galicia (CEAGA) revelou esta semana que o sector alcanzou en 2023 un desempeño histórico, cunha facturación de 13.000 millóns de euros e exportacións de 9.400 millóns de euros.

Estas cifras sintetizan un crecemento notable da capacidade produtiva do sector e unha crecente participación nun contexto internacional de competencia. A iso debemos sumar a incidencia desta actividade na forza laboral, cun aumento do 7 % de persoas traballadoras que lle permite alcanzar os 24.800 empregos directos, un 14,8% do emprego industrial en Galicia.

A comunidade galega produciu o 22 % dos vehículos en España durante o mesmo ano, mantendo o seu liderado no sector. Este rendemento é atribuíble en gran medida á planta de Stellantis Vigo, que se consolidou como a instalación máis produtiva do país e se perfila como un modelo de innovación e eficiencia dentro da industria. Esta planta, fundada en 1958, estivo recentemente de celebración, ao producir o vehículo número dezaseis millóns. Trátase dun Fiat E-Doblò eléctrico, ilustrativo dun modelo de transición cara a prácticas de produción máis sostibles no marco do plan estratéxico Dare Forward 2030. Este plan sintetiza o firme compromiso de Stellantis para lograr a neutralidade de carbono para 2038. No seu conxunto, a compañía reduciu a súa pegada de carbono nun 12,6 % en 2023, e o 58 % da electricidade que emprega nos seus procesos produtivos é descarbonizada. Tamén avanzou na economía circular e a electrificación de vehículos, con 48 modelos eléctricos previstos para finais de 2024 e un incremento do 21 % nas vendas globais destes vehículos. O dinamismo da planta galega e a súa aposta polos vehículos eléctricos suxiren que será un actor principal neste marco estratéxico.

A pesar destas cifras positivas, non todo son boas noticias. Ignacio Bueno, director de Stellantis Vigo, advertiu durante a clausura da Asemblea de CEAGA de posibles nubes no horizonte que poden ameazar a boa marcha da empresa. Maiormente, referiuse á competencia baixo custo que ameaza o conxunto da industria de forma latente. Para facer fronte a este risco, aposta pola redución continua de custos e o compromiso coa mellora continua, tanto en eficiencia como en avance tecnolóxico, para competir fronte á invasión destes produtos. Con todo, é importante entender que na base desa produción de vehículos a menor custo converxen causas como salarios máis baixos, menor custo de materiais, ausencia de requisitos ambientais, procesos de fabricación máis eficientes ou unha combinación destes factores. Nunha lectura simple, todo apunta a que eses fabricantes operan en contextos con regulacións laborais menos estritas e controis ambientais máis laxos, o que lles permite reducir significativamente os seus custos de produción. En consecuencia, unha resposta estratéxica baseada na mellora da eficiencia podería non ser suficiente para competir efectivamente. Nin Stellantis Vigo nin en xeral calquera outra empresa no noso contexto de mercado xamais poderán igualar os prezos dos competidores que ignoran ou minimizan as responsabilidades ecolóxicas e sociais.

Neste sentido, a batalla pola competitividade debe enfocarse na innovación e a mellora continua. A diferenciación a través do desenvolvemento de tecnoloxías avanzadas e a oferta de produtos que cumpren, ou superan, os estándares ambientais poderían proporcionar unha vantaxe competitiva sostible. Por iso, espera con expectación a resolución do PERTE do Vehículo Eléctrico Conectado (VEC). Stellantis Vigo ten postas as súas esperanzas nesta iniciativa estratéxica como un posible catalizador para futuros desenvolvementos e a confirmación da planta como un centro de innovación automotriz. Reforzando o seu liderado a través da calidade e innovación, Stellantis Vigo aposta por vehículos á vangarda da tecnoloxía automotriz, satisfacendo así unha demanda cada vez máis esixente e consciente da importancia da sustentabilidade.

Para iso, é fundamental esixir unha resolución certa e inmediata do PERTE, que xa non ten espera. O Goberno debería pensar, nalgún momento, en que as empresas manexan períodos de planificación amplos para os que é imprescindible contar con información veraz (máxime cando a materialización dos plans de desenvolvemento dependen diso). Igualmente, precísase apoio institucional, en que a administración autonómica ten un papel protagonista na potenciación da competitividade mediante a distribución efectiva de subvencións e axudas. Todo iso, sen esquecer que o futuro da planta está indisolublemente vinculado ao tecido de provedores locais. A solidariedade industrial e unha colaboración estreita entre a Xunta e CEAGA son fundamentais  para competir en primeira persoa cos rivais internacionais. Polo de agora, o Presidente Rueda recolleu o testemuño e apuntou que o seu goberno vai priorizar o sector da automación fronte a outros con rapidez e axilidade. O xefe do Executivo autonómico referiuse á (non) distribución dos fondos europeos. "Bastante acougados estamos por un PERTE que non acaba de chegar", indicou, á vez que tendeu a man á industria automobilística: "ten na Xunta un aliado", dixo. Esperemos que o resto dos interpelados actúe, como mínimo, igual.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade