A auga das praias de Rodas e Figueiras das illas Cíes xa é apta para o baño
Pódese levantar a recomendación de non bañarse, aínda que a Consellería continuará co seguimento habitual da evolución da calidade microbiolóxica da auga
A Xunta, a través da Consellería de Sanidade, informou o Concello de Vigo de que as últimas análises realizadas á auga das praias de Rodas e de Figueiras das illas Cíes mostran que xa son aptas de novo para o baño.
Todo iso despois de que o pasado venres o Goberno autonómico alertara dun "episodio puntual" de contaminación microbiolóxica na auga deses areais, desaconsellando o baño aos cidadáns.
"No marco da colaboración entre a Consellería de Sanidade e a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, e atendendo o carácter excepcional da situación por tratarse dun parque natural, estableceuse un seguimento específico da contaminación detectada no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, realizándose novas análises de auga nas últimas horas, que indican xa valores normais de enterococos intestinais e de escherichia coli, polo que non supoñen un risco para a saúde dos bañistas", subliña o Executivo galego.
Desta maneira, engade, pódese levantar a recomendación de non bañarse, aínda que a Consellería continuará co seguimento habitual da evolución da calidade microbiolóxica da auga.