A Asociación Española contra o Cancro radiografa o estado da investigación oncolóxica en Galicia
Destaca como fortaleza a cooperación estreita entre universidades e hospitais públicos
O informe subliña que cómpre mellorar na captación de fondos internacionais
Galicia é a segunda comunidade en que a Asociación Española contra o Cancro presenta un informe sobre o ecosistema de investigación oncolóxica.
Aquí temos 20.000 novos casos de cancro ao ano e unha mortaldade algo superior á media estatal, que os expertos atribúen, entre outros factores, a que somos a segunda comunidade máis avellentada.
En contraposición, Galicia destaca na parte de innovación e de transferencia. O 21 % das empresas biotecnolóxicas que se crearon en 2021 en España naceron aquí. Pero o que máis destaca é o nivel da investigación pública.
"A fortaleza está no ecosistema, moi centrado nas universidades e no xeito en que están creados os complexos hospitalarios, que permiten mellorar a comunicación entre investigadores", asegura Marta Pujol, directora científica da AECC.
"Os investigadores que traballan en Galicia, incluídos os que traballan en cancro, deben estar moi orgullosos porque somos o 4,7 % do total de investigadores -ou sexa, por baixo do noso nivel poboacional- e, non obstante, producimos o 5,7 % da produción científica en España e o 6,4 % da innovación. Significa que hai que investir máis aquí porque somos moi rendibles", di Ángel Carracedo, investigador e experto en xénética.
Os nosos investigadores son un 20 % máis produtivos que a media, celebraban durante a presentación deste informe. Pero non quixeron quedar na compracencia e falaron da necesidade de apostar máis polo traballo en Rede, mellorar en captación de fondos internacionais ou apostar máis pola investigación básica.
En cancros determinados, coma o de colon, non sempre se completan aquí os ensaios clínicos. E queda tamén camiño por percorrer na captación de talento e na igualdade, porque hai un 62 % de investigadoras pero só un 42 % de mulleres liderando grupos.