O coche implicado no accidente mortal do Rosal rexistrou velocidades de ata 238 km/h antes do sinistro
O coche implicado no accidente mortal do Rosal rexistrou velocidades de ata 238 km/h antes do sinistro
O GPS do coche do condutor investigado pola morte dun motorista, clave para a investigación
A acusación pide revogar a liberdade para o acusado ou aumentar a fianza a 700.000 euros
O investigado, un mozo de 25 anos de Murcia, arrastra tres condenas firmes e tres en curso por delitos contra a seguridade viaria
Novembro será decisivo no caso do accidente do Rosal en que un motorista morreu tras ser golpeado por un coche. O condutor fuxiu para entregarse días despois, e os datos do GPS do coche achegados pola marca alemá van ser fundamentais. Demostran que minutos antes do impacto circulaba a máis de 200 quilómetros por hora.
O investigado polo accidente mortal no corredor do Baixo Miño no Rosal superou oito veces os 200 quilómetros por hora a fatídica tarde do 15 de xullo. Golpeou co seu coche de alta gama a moto de Brais, un veciño do Rosal de 33 anos que faleceu no acto.
A acusación conta cunha proba fundamental: o balizamento mediante GPS do vehículo. Consideran que é de vital importancia para axudar a DXT na reconstrución do accidente. Están pendentes de que a Audiencia Provincial resolva o recurso fronte ao auto de liberdade e de presentarse como prexudicados coa empresa titular do vehículo accidentado.
Segundo Carlos Pérez Parga, de Cum Laude Avogados, os datos da 'caixa negra' do coche van ser claves: "Aparecen os inicios e paradas do vehículo, e sobre todo as velocidades. Máis de oito veces nos días previos ao accidente rexístranse velocidades superiores aos 200 quilómetros por hora. Chegan ata os 235 quilómetros por hora. As velocidades son moi importantes, estamos falando dun límite máximo de velocidade de 90, 70 e 40 quilómetros por hora de límite".
O investigado é un mozo de Murcia de 25 anos que arrastra tres condenas firmes e tres en curso por delitos contra a seguridade viaria. Mesmo atropelou un policía. Considerado un risco para a seguridade viaria, a acusación pide que entre en prisión ou que a fianza se aumente ata os 700.000 euros.
Recoñece Carlos Pérez Parga, que se trata de "unha persoa nova, que coa pouca idade que ten conta con innumerables antecedentes e non pode estar conducindo un vehículo. Aínda que tivo retirado o carné estivo conducindo igual sen el. Co cal, pode volver facelo".
A familia da vítima reclama xustiza para o home acusado de golpear a Brais, que está a ser investigado polos delitos de homicidio imprudente, abandono do lugar do accidente e omisión do deber de socorro.