Un accidente de tráfico deixa catro feridos leves en Ourense
O choque frontal produciuse nunha estrada que os veciños describen como "moi perigosa" con chuvia
Un accidente no barrio de Vistafermosa, en Ourense, deixou catro persoas feridas este martes á tarde. Dous vehículos víronse implicados no accidente que se producía pasadas as 6 da tarde en Ourense.
Chovía con forza e un BMW de cor negra saía do seu carril baixando do Monte Deu na zona de Vistafermosa para chocar case frontalmente contra un Mazda branco que subía na outra dirección. Os veciños denuncian que a estrada é moi perigosa e que os accidentes son habituais. Piden ao Concello actuacións urxentes xa que se trata dunha estrada de titularidade municipal.
Nun primeiro momento os Bombeiros de Ourense desprazáronse ao lugar, xa que se pensaba que había alguén atrapado no interior dos vehículos; finalmente non foi necesaria a súa intervención. Catro persoas quedaron feridas leves entre elas o condutor do BMW que foi trasladado en ambulancia e os tres ocupantes do Mazda branco.