Dúas condutoras feridas ao chocar un camión de bombeiros con dous turismos en Vigo
O vehículo cisterna, pertencente ao parque de bombeiros de Coruxo, arrastrou varios metros dous coches
Unha das feridas quedou atrapada no interior do turismo
Estado en que quedou un dos vehículos accidentados
O accidente aconteceu na tarde deste xoves, minutos despois das 16:00 horas, á altura do quilómetro 4 da estrada PO-325, segundo informou o 112 Galicia.
Dúas mulleres, as condutoras de dous turismos, resultaron feridas e foron trasladadas a un centro hospitalario. Unha delas tivo que ser liberada polos bombeiros do interior do coche, que quedou totalmente esmagado polo impacto na parte dianteira.
O camión cisterna dos bombeiros ía subministrar auga a unha dotación que traballaba na extinción dun incendio nunha cociña dunha vivenda no lugar de Esturáns, en Coruxo. Cando circulaba pola avenida de Ricardo Mella bateu frontalmente contra os dous turismos, que saían dun cruzamento de semáforos, e arrastrounos varios metros.
Foi un particular o que alertou o 112 do sinistro. Ata o punto desprazáronse varias ambulancias de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Vigo, a Policía Local e a Garda Civil.