Susto en Poio: o vento tira unha árbore sobre un coche en marcha
O condutor, un veciño de 76 anos, salvou a vida de milagre
Os cables da luz amorteceron o impacto da caída
Aos seus 76 anos, José Carlos volveu nacer este mércores á tarde. Conducía o seu coche e, aínda que custe crelo vendo como quedou, non ten nin unha soa rascadela logo de sufrir a caída dunha gran árbore.
"Xa me vai pasando o medo do corpo. Pero vas tranquilo e de repente ves esa mole enriba, quedei pálido, non daba chamado a casa", explica José Carlos Gándara Muíños.
Un refacho de vento fendeu un vello ameneiro sobre o capó do seu coche. O golpe puido custarlle a vida, pero os cables da luz amorteceron o impacto.
"Por sorte, el freou e a árbore quedou apoiada sobre o tendido eléctrico e o noiro, e só afectou a chapa do capó" comenta Manuel Vicente, responsable de Protección Civil de Poio.
"Salváronme os cables, tal e como caían as gallas seguro que acababa no hospital", comenta o veciño.
Os cables estiraron ata o chan polo peso das pólas, pero foron reparados a primeira hora da mañá. Agora toca retirar o que queda do ameneiro, un vello exemplar que cedeu pola forza do vento.
"Onte houbo rachas de nordés de 70 quilómetros hora e iso pode axudar á caída de árbores", di o voluntario.
"Sempre dixen que esa árbore era un perigo, e mira, tocoume a min", lamenta José Carlos.
Por iso pide que se quiten canto antes, esta e calquera outra árbore que supoña un perigo para os peóns e os coches que atravesan o lugar da Lameiriña.
"Que veña o Concello e o saque, pode caerlle a outro", di Jose Carlos.
"Hai árbores que poden supoñer un perigo. É importante recordarlle aos propietarios que teñan conciencia e os manteñan, porque poden causar desgrazas se pasa alguén preto. Logo é cando nos lembramos dos danos económicos e persoais", conclúe o voluntario de Protección Civil.
Este suceso, que recorda o da condutora de Caldas que sobreviviu ao impacto dun piñeiro de tres toneladas, tamén tivo final feliz. No caso de José, nin sequera o coche rexistrou danos importantes. O que puido ser unha traxedia acabou en milagre, e hoxe toca celebralo.