O acusado do crime de Coia só confesou cando o detiveron
O escenario do suceso non cadraba coas primeiras versións que deu ante os investigadores
O acusado polo crime de Coia non recoñeceu que matou a disparos o seu veciño ata que o detiveron. Cambiou de versión varias veces. Contárono os policías que este martes testificaron na segunda sesión do xuízo. Os axentes tamén explicaron que os restos de sangue detectados, dentro da porta da súa casa, demostran que estaba aberta no momento do crime.
Ata tres versións distintas do crime deu José Luís, o acusado, e non confesou ata que foi detido, segundo testificaron este martes varios dos axentes que acudiron ao lugar. Tamén apuntaron que había sangue na vivenda do detido e marcas de sangue do arrastre do corpo que non son compatibles con que el mesmo se movese. O avogado da defensa considera probado que o acusado estaba sendo fustrigado pola vítima.
Segundo o equipo legal da acusación, o único que queda acreditado polo de agora é que José Luís matou a Fran e arrastrou o seu corpo.
Para a tarde do martes estaba prevista a declaración de máis axentes da policía, o mércores están citados os forenses e o xoves presentaranse os informes periciais.