A autovía entre Vigo e O Porriño repite cun dos puntos negros con máis accidentes de España
O quilómetro 12 da a-55 é o terceiro de España con maior sinistralidade
Tamén figura nos postos de cabeza o quilómetro 159 da AP-9, entre Peinador e Puxeiros
En Galicia hai localizados catorce tramos especialmente perigosos
Son puntos negros que manchan estradas, estatísticas e vidas. Galicia suma catorce treitos considerados especialmente perigosos na súa rede viaria. Son os tramos que alcanzan un índice de perigosidade medio moi alto, dez veces ou máis por riba do normal.
Aparecen localizados no informe que acaba de publicar Automobilistas Europeos Asociados, que recolle os datos oficiais do Ministerio de Transportes. Todos, os catorce, están en estradas convencionais, como a antiga Nacional VI, con tramos negros en Aranga e Begonte. Tamén, a N-547, con varias zonas de risco nas provincias da Coruña e de Lugo; ou as N-120 e N-640 en Pontevedra.
Pero esas son estradas con, relativamente, pouco tráfico. Ano a ano, a estrada que destaca por riba de todas en Galicia é a autovía A-55. Como ten moitísimo tráfico, máis de 64.000 vehículos ao día, a súa proporción de accidentes non é das máis altas. Pero en termos absolutos repite como unha das vías con máis sinistros de España.
O seu quilómetro 12, no concello de Mos, é o terceiro punto negro con máis accidentes con vítimas de todo o Estado. Falamos de falecidos e, sobre todo alí, feridos. En 2023, nese quilómetro houbo trece accidentes dese tipo; en 2022, foran once.
"Eu tiven un susto nesa mesma curva, deume a volta o coche. Tamén é verdade que viña a máis de oitenta", lembra un condutor habitual.
"Isto foi mal feito cando o fixeron, para aforrar cartos, e agora pagámolo todos", asegura un veciño da zona.
"É raro que non haxa un ou dous accidentes por día. Todos os días", resume un home que percorre a diario a A-55.
A autovía que une Vigo e O Porriño é coñecida pola súa perigosidade. O certo é que os accidentes son frecuentes en varios puntos, porque a suma de curvas, pendente e firme desgastado, mesturada co enorme volume de tráfico, multiplica o risco.
"Onte mesmo tivemos un accidente, sobre as once da noite", relata Rodrigo Iglesias, do Servizo de Emerxencias de Mos, que habitualmente asiste as incidencias na autovía. "Ao mellor algún día non hai ningún pero tamén é certo que outro podemos ter sete".
A nivel xeral, o índice de perigosidade medio das estradas españolas mantense estable nos últimos anos. Subiu algo nas autoestradas aínda que seguen as ser as vías máis seguras de todas.
A AP-9
Tamén a AP-9 en Pontevedra, concretamente á altura do quilómetro 159, entre Peinador e Puxeiros, se atopa nas primeiras posicións da listaxe. Un total de 20 accidentes e 41 vítimas, a maioría feridos leves (38), é o resultado segundo o informe da AEA.
"Tradicionalmente veuse atribuíndo ao factor humano a causa case exclusiva dos accidentes de tráfico. Con todo, o estado das estradas xoga un papel fundamental na seguridade viaria", defendeu a organización, que analizou o perigo da Rede de Estradas do Estado de 2019 a 2023, a partir dos últimos datos dispoñibles do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible.
O informe de AEA destaca que no quinquenio analizado (2019-2023) o índice de perigo medio (IPM) da Rede de Estradas do Estado -indicador para medir o perigo das vías- non variou respecto do quinquenio 2018-2022 (8,2).
Automobilistas Europeos Asociados (AEA) identificou os 270 quilómetros de estradas convencionais e autovías máis perigosos de España, localizados nun total de 71 vías de 45 provincias.