Aumentan os accidentes de tráfico causados polos xabarís
Galicia é a segunda comunidade en sinistralidade vial causada polos xabarís
Os dispositivos con ultrasóns que se colocan nos vehículos están indicados para afastalos do tráfico
Continúan en aumento os sinistros que se produciron no último ano por presenza dos animais salvaxes nas estradas. As cifras multiplícanse dende a última década, e foron 6.000 accidentes en 2025, unha media de 17 atropelos ao día. O xabaril protagoniza sete de cada dez accidentes.
Segundo a Consellería de Medio Ambiente en Galicia hai un 82.000 xabarís, o que nos sitúa como unha das áreas de maior densidade de Europa. É a segunda comunidade en número de accidentes por colisión con estes animais e as medidas que se están adoptando para reducir a sinistralidade céntranse nos avisos para que os condutores baixen a velocidade en zonas habituais de paso.
" Empregamos cartelaría de forte impacto visual e sinalización con iluminación led. A propia Dirección Xeral de Tráfico está implantando os avisos nos propios navegadores dos coches", asegura Francisco López Dopico, xefe do Destacamento de Tráfico de Ferrol
A colisión cos animais pode derivar nun sinistro grave pero a DXT advirte dos riscos que pode ter tratar de esquivalos.
"Procurar non realizar manobras bruscas e se hai que atropelar o animal sempre será mellor ca unha saída de vía", advirte Dopico
Os vehículos da DXT e tamén algúns particulares incorporan un dispositivo que emite ultrasóns para espantar os animais.
"Son uns avisadores acústicos, de fácil adquisición no mercado que, sen ter acreditada unha eficacia do 100%, véndense para tratar de reducir os sinistros"
As estradas que máis colisións rexistraron foron a OU-525 e a Nacional 525, nas proximidades de Ourense