Xa son 70 os mortos e 300 desaparecidos nun accidente entre tres trens na India
Dous trens chocaron frontalmente e un terceiro levou por diante os vagóns, que caeron noutra vía
Polo menos 70 persoas morreron e outras 300 persoas resultaron feridas este venres pola colisión dun tren de pasaxeiros con outro de mercadorías ocorrido no leste da India. Os vagóns que quedaron sobre a vía foron arrastrados por un terceiro tren ao pasar pola zona.
O accidente tivo lugar no estado de Odisha ao redor das 19.20 hora local.
Imaxes do accidente mostran unha quincena de vagóns envorcados sobre as vías, con varias persoas subidas a eles tentando rescatar os pasaxeiros que quedaron atrapados no seu interior.
Segundo informou o portavoz de Indian Railways, Amitabh Sharma, o choque entre os dous primeiros trens involucrados produciuse ao redor das 19:00 horas, tras o que outro tren de pasaxeiros que pasaba a gran velocidade impactou con varios dos vagóns envorcados.
Para o rescate mobilizáronse tres equipos da Forza Nacional de Resposta a Desastre, catro unidades da Forza de Acción Rápida ante Desastres de Odisha, máis de 15 equipos de bombeiros, 30 médicos, 200 policías e 60 ambulancias.
As operacións de rescate continuarán durante a noite a pesar da escuridade.
O ministerio cancelou máis dunha decena de trens que cubrían o tramo accidentado e desviou a ruta de varios.
En 2020 producíronse 13.018 accidentes de tren na India. Neles morreron 11.986 persoas e outras 11.127 resultaron feridas, sendo as colisións a causa do 70% dos sinistros.
A rede ferroviaria india é, con 68.000 quilómetros de percorrido, a cuarta por lonxitude do mundo, detrás dos Estados Unidos, Rusia e A China. Conta cuns 21.650 trens e 7.349 estacións en todo o país, e transporta a diario uns 23 millóns de pasaxeiros.