Publicador de contidos

Publicador de contidos

Vigo aproba crear zonas de baixas emisións, pero o Concello asegura que non porán multas

Vigo aproba crear zonas de baixas emisións, pero o Concello asegura que non porán multas

A cidade delimita catro áreas en que haberá restricións ao tráfico

O alcalde afirma que ninguén terá que cambiar de coche para entrar

Xa hai cámaras instaladas e tamén algún sinal que informa da medida

G24.gal 23/12/2025 14:49

Vigo non esixirá etiqueta para poder pasar. Despois de anos de preparativos, o goberno municipal acaba de aprobar o proxecto para crear zonas de baixas emisións (ZBE) pero o Concello insiste en que se establecerán co mínimo impacto posible.

A cidade cumpre así coa lei estatal que obriga a que os municipios de máis de cincuenta mil habitantes delimiten áreas con restricións ao tráfico, como xeito de reducir a contaminación e o ruído. Pero a noticia, en Vigo, é que, de momento, non hai noticia. O alcalde asegura que a creación das ZBE non pode supoñer unha ruptura coa vida habitual na cidade.

"Non imos facer que ninguén teña que cambiar o seu vehículo para entrar alí", afirma con rotundidade Abel Caballero.

Xa hai cámaras instaladas e tamén algún sinal, pero o alcalde asegura que ao principio non haberá multas, só se tratará dunha campaña de información. O Concello debuxou catro ZBE, unha no centro, outra arredor da praza de Portugal, outra no barrio do Calvario e outra na vila de Bouzas.

Son áreas nas que o tráfico xa está limitado e que, en conxunto, representan unha parte moi pequena da cidade. Ademais, o Goberno local aceptou varias alegacións para introducir cambios na norma e a promesa é que poidan pasar os residentes, por suposto, pero tamén os vehículos que se dirixan a un aparcadoiro ou a xente que necesite entrar para traballar, o que se chama "prestadores de servizos".

"Hai que entrar onde hai que entrar. Porque o meu coche ten oito anos e xa non sei onde poderei pasar", di un condutor.

"Paréceme correcto. As cidades feitas hai centos ou decenas de anos non están concibidas para un tráfico como o que hai agora", apunta outro home.

"Paréceme mal. Porque unicamente poderán entrar os que teñan posibilidades reais de mercar un coche de emisións cero", di outro veciño da cidade.

"Pois paréceme unha boa iniciativa, como en cidades como Madrid, para desatascar un pouco o centro", opina un mozo.

"Trátase de que a xente ande, que haxa menos coches. Isto pode ser empezar a andar nesa dirección pero logo ten que haber unha vontade política e social de que necesitamos resolver un problema de saúde pública que é a mala calidade do aire en Vigo", valora, pola súa parte, Cristóbal López, portavoz de Ecoloxistas en Acción en Vigo.

O establecemento das ZBE será progresivo. Primeiro terán limitacións os vehículos máis contaminantes. A idea do Concello é que o plan estea completado en 2013.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade