"Unha xustiza lenta non é xustiza", din vítimas do Alvia tras fixarse a data do xuízo
"A xustiza desmonta a verdade oficial", cren desde a Plataforma Vítimas Alvia 04155
"Estamos satisfeitos con que finalmente se vaia celebrar o xuízo", aseguran. Con todo, "é insuficiente"

"O primeiro que queremos dicir é que unha xustiza lenta non é xustiza", din desde a Plataforma Vítimas Alvia 04155 nun comunicado ao coñecer que hai data para o inicio do xuízo polo accidente ocorrido o 24 de xullo de 2013 na curva da Grandeira, en Angrois.
"Desgraciadamente algunhas das vítimas e familiares faleceron ao longo destes anos", explican. "Para eles nunca haberá xustiza e lamentablemente xa nada se pode facer. Cando acabe o xuízo pasarían 10 anos".
Para esta asociación que agrupa vítimas do accidente do Alvia, en que morreron 80 persoas e 144 quedaron feridas, a demora "non é casual", e sinalan diferentes institucións do Estado como responsables.
No comunicado din que "sufrimos o cambio de xuíz" e a "inacción total do primeiro fiscal, que tivo que ser substituído".
Acusan o Ministerio de Fomento, a Renfe e o Adif de ocultar e demorar na entrega de documentos.
Din que a Xunta impuxo peritos "sen experiencia ferroviaria que demoraban e plaxiaban outros informes" e que as gravacións do xulgado eran de "pésima calidade".
E desta forma din a consecuencia é unha "acumulación de atrasos e erros graves por parte do xulgado".
"É insuficiente", asegura a plataforma de vítimas
"Evidentemente estamos satisfeitos con que finalmente se vaia celebrar o xuízo", asegura a plataforma de vítimas, que tamén expresa o seu agrado porque Andres Cortabitarte, exdirector de Seguridade do Adif, vai sentar no banco dos acusados. Con todo "é insuficiente", manifestan.
Cren que "existían claras responsabilidades por parte de Renfe, que tivo constancia por escrito dun aviso dun xefe de maquinistas sobre o perigo da curva de Angrois e, con todo, non actuou en consecuencia".

Explican desde a Plataforma Vítimas Alvia 04155 que Cortabitarde é acusado porque o Adif "non realizou a análise de riscos ao que obrigaba a normativa en dúas ocasións". Aseguran que así o recolle o auto da Audiencia.
No foco os exministros José Blanco e Ana Pastor
O primeiro deses momentos sería con José Blanco ocupando a carteira de Fomento, cando "houbo modificacións importantes do proxecto orixinal, cuxa repercusión na seguridade resulta obvia sen que conste que previamente se analizase o risco que os devanditos cambios puidesen comportar para a seguridade”.
O segundo dos momentos produciuse máis adiante, xa con Ana Partor como ministra de Fomento. Foi cando se produciu a desconexión do sistema de seguridade ERTMS, porque este xeraba atrasos, “sen previamente realizar unha avaliación do risco que tal desconexión puidese comportar para a seguridade na circulación”, conclúen.
Cre a asociación de vítimas que "a xustiza desmonta a verdade oficial, que con Ana Pastor á fronte de Fomento, quixeron impoñer: que se fixo unha investigación independente, que o maquinista era o único responsable, que o accidente non era de Alta Velocidade".
Din que seguen sen entender como é posible que o Ministerio de Fomento autorizase a posta en servizo desta liña sen a preceptiva análise de riscos.
Para concluír din que a pesar dos anos transcorridos "imos seguir loitando para que se faga xustiza e se depuren todas as responsabilidades que corresponden a unha democracia avanzada: técnicas, penais e políticas".
Cren que durante 9 anos coñecéronse "feitos moi graves que xamais se xulgarán nos tribunais, pero que teñen unha clara responsabilidade política: procedementos de infracción por incumprimento da a normativa de seguridade ferroviaria, non se puxo en marcha unha investigación técnica independente, tal e como solicitou a UE en reiteradas ocasións, presións á UE para impedir a publicación do informe,...".
Por iso, cren que "é imprescindible que se depuren todas e cada unha das responsabilidades e que se esclareza toda a verdade e se realice a investigación técnica independente que esixe Europa antes do inicio do xuízo para que se incorpore ao proceso xudicial".