Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta prevé recorrer contra a sentenza que obriga a sanear o encoro das Conchas

A Xunta prevé recorrer contra a sentenza que obriga a sanear o encoro das Conchas

A sentenza do TSXG considera que houbo "vulneración dos dereitos fundamentais" dada a contaminación por nitratos da presa

G24.gal 12/07/2025 20:23 Última actualización 12/07/2025 21:02

A Xunta estuda presentar un recurso contra a decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que condena ás administracións públicas a sanear o encoro das Conchas, segundo anunciou este sábado a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez.

A sala do contencioso-administrativo do TSXG emitiu unha sentenza esta semana na que lles dá a razón a varias asociacións veciñais e ecoloxistas da zona sobre a contaminación por nitratos da presa.

A sentenza considera que houbo "vulneración dos dereitos fundamentais" polo que obriga ás administracións a reverter a situación do encoro, situado entre os municipios de Lobios e Muíños.

Segundo Vázquez, a Xunta "acata" a sentenza e "respéctaa"pero non está de acordo cos seus argumentos. Por iso, estuda a presentación dun recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

A representante do Goberno autonómico subliña que entre as competencias da Xunta está garantir a calidade da auga en 182 concellos, pero no resto de municipios é unha atribución do Goberno central a través das confederacións hidrográficas.

Asegura que agardan estudos "serios" para determinar as causas da contaminación da auga, e afirma que cando "o Goberno central nos diga cal é a orixe deses nitratos, sen dubidalo, a Xunta procederá a tomar medidas".

Engade que o executivo galego prevé adoptar en breve un regulamento e afirma que "nunca autoriza unha granxa sen ter todos os informes sectoriais".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade