As vítimas de Angrois piden unha investigación técnica independente
Unha das súas peticións é o cesamento inmediato de Fernando Montes, presidente da comisión de investigación de accidentes
As vítimas do Alvia reúnense este xoves coa ministra de Transportes Raquel Sánchez. Dúas reunións na mesma mañá con diferentes asociacións.
Jesús Domínguez, voceiro da plataforma de vítimas, manifestou que van pedir unha comisión independente técnica que estude o que aconteceu. Destacou que lle van transmitir á ministra de Transportes o que o Parlamento Europeo solicitou: que se leve a cabo unha investigación técnica independente para que se saiba o que ocorreu e non se volva repetir.
Unha das súas peticións é o cesamento inmediato de Fernando Montes, presidente da comisión de investigación de accidentes. Segundo subliñou Domínguez, a lei do sector ferroviario permite á ministra cesalo polo incumprimento das súas funcións. Na súa opinión, a comisión de investigación de accidentes négase sistematicamente a facer esta investigación.
Inauguración do AVE
Para o voceiro da plataforma de vítimas, a inauguración do AVE galego parécelle algo "inaceptable" porque aínda non se sabe o que aconteceu hai oito anos na curva de Angrois. Destacou que queren que se tomen medidas e que non volvan ocorrer esta clase de accidentes. Ademais do accidente do Alvia, lembrou que anos despois houbo outro no Porriño con cinco persoas mortas.