O xuízo polo accidente do Alvia comezará o 20 de setembro e durará uns 9 meses
Sentarán no banco dos acusados o maquinista do tren e o que era director de Seguridade na circulación do Adif
Está previsto que declaren un total de 494 testemuñas, 193 peritos e 21 testemuñas-peritos
A sentenza chegará ao longo de 2023, cando fará dez anos do accidente que deixou 80 mortos e 144 feridos
O xuízo polo accidente do Alvia, ocorrido o 24 de xullo de 2013, comezará o 20 de setembro deste ano e prolongarase ata 2023. Serán nove meses de declaracións de peritos e testemuñas que deberán rematar cunha sentenza que debería chegar no ano do décimo aniversario do sinistro en que morreron 80 persoas e 144 quedaron feridas.
O auto da xuíza, con data do 7 de abril, fai unha proposta de calendario para este xuízo en que sentarán no banco dos acusados o maquinista do tren e o que era director de Seguridade na circulación do Adif no momento de posta en funcionamento da liña.
Acción penal
Concretamente, a acción penal dará inicio entre os días 20, 21 e 22 de setembro está previsto que se vexan as cuestións previas e o interrogatorio aos acusados.
Entre o 4 e o 27 de outubro está fixado que se interrogue as 45 testemuñas que está previsto que declaren relacionadas coa cuestión penal, entre elas dez policías.
As declaracións de 18 testemuñas-peritos están sinaladas para a primeira quincena de novembro e a de 18 peritos será entre o 16 de novembro e o 22 de decembro.
Acción civil
A acción civil, segundo a proposta da xuíza, iniciaríase o 17 de xaneiro, coas declaracións de 90 testemuñas, as cales terminarían o 26 dese mes. Os 35 forenses propostos intervirían entre o 31 de xaneiro e o 7 de febreiro, mentres que os 44 peritos restantes o farían entre o 8 e o 16 de febreiro.
O auto especifica que a partir do 21 de febreiro, e ata mediados de maio, terían lugar as declaracións das 277 testemuñas, 96 peritos e dúas testemuñas-peritos propostas polos avogados e avogadas que toman parte na causa, así como as 82 testemuñas e unha testemuña-perito propostas unicamente polo Ministerio Fiscal.
O portavoz da Plataforma Vítimas do Alvia, Jesús Domínguez, está citado para marzo de 2023. O 30 de maio, data en que está previsto que comecen os informes e conclusións finais deste macroxuízo.
Dous acusados
A instrución finalizou cos dous acusados, contra os que se dirime se os feitos que se lles imputan fosen constitutivos de 80 delitos de homicidio por imprudencia grave profesional, de 145 de lesións por imprudencia grave profesional e dun delito de danos.
A Fiscalía solicita para cada un deles catro anos de prisión. Ademais, demanda que o maquinista, Francisco Garzón, sexa inhabilitado para a súa profesión durante o tempo da condena.
Para o outro acusado, o exresponsable de seguridade do Adif, Andrés Cortabitarte, que saíu da dirección da empresa pública en maio de 2021, require a inhabilitación durante o mesmo período para o exercicio de calquera profesión que implique xestión, seguridade ou responsabilidade en infraestruturas ferroviarias.
Contra a resolución, coa proposta de calendario que fai a xuíza, non cabe interpoñer recurso.