Publicador de contidos

Publicador de contidos

'Ser Noutras': a arte galega do Reina Sofía mírase noutros ollos

'Ser Noutras': a arte galega do Reina Sofía mírase noutros ollos

A exposición reúne no Museo Gaiás preto de corenta pezas da colección do Museo Reina Sofía e ponas en relación coa creación galega contemporánea para explorar novas conexións

EFE/Xoán Rey EFE/Xoán Rey
José Carlos Rodríguez 04/11/2026 18:38

Que ocorre cando unha obra de arte se atopa con outra dunha xeración distinta, pero comparte con ela inquietudes, preguntas ou formas de mirar o mundo? Dese diálogo parte 'Ser Noutras', a exposición que reúne no Museo Gaiás preto de corenta pezas da colección do Museo Reina Sofía e as pon en relación coa creación galega contemporánea para explorar novas conexións.

Dos encontros xorden memorias compartidas, inquietudes que permanecen intactas ou formas completamente novas de mirar. Neste caso, ata 18 diálogos entre xeracións, disciplinas e linguaxes, dos que naceron quince obras inéditas.

"Interesábanos compartir un espazo sen ter que establecer consensos, facendo aflorar afinidades, pero tamén distancias, friccións e desacordos", explicou este mércores durante a presentación Chus Martínez, comisaria da mostra xunto con Verónica Santos.

Ambas configuraron un espazo no que conviven distintas xeracións e sensibilidades co obxectivo de que "sucedan cousas" e as obras se revelen como "algo vivo".

Viva e sempre incompleta é tamén a colección do Reina Sofía, que incorporou ao longo da súa traxectoria pezas de numerosos artistas galegos, desde figuras históricas como Maruja Mallo, Julia Minguillón ou Virxilio Viéitez ata creadores como Francisco Leiro, Menchu Lamas ou Berta Cáccamo.

A partir das obras de moitos deles, convidouse artistas galegos actuais, como o cineasta Lois Patiño, a poeta Yolanda Castaño, o muralista Yoseba MP ou o escultor Pablo Barreiro, a establecer conversas desde a súa propia práctica.

Son miradas de ida e volta que atravesan temas como a memoria, a identidade, o territorio, o corpo, a sexualidade ou os afectos, nunha configuración espacial que lembra un gran teatro visual.

A escenógrafa Marta Pazos deseñou unha instalación envolvente, inspirada no universo surrealista de Maruja Mallo, con corredores e espazos abertos que conforman un labirinto. No centro, unha gran sala a modo de ágora invita ao descanso, ao xogo ou á reflexión.

 

Encontros singulares

A memoria é un dos fíos que atravesan estas conversas. Así, a cineasta Xisela Franco establece un vínculo entre a fotógrafa Ana Turbau e quen contribuíu a recuperar a súa obra, Margarita Ledo, tres mulleres de distintas xeracións que exploran, desde a fotografía, o cine e a literatura, as relacións entre o tempo e a experiencia.

Carme Nogueira tamén recupera unha experiencia participativa desenvolvida nos Países Baixos para trasladala a Galicia e facer aflorar as memorias de mulleres relegadas da historia oficial mediante testemuños e pegadas da vida cotiá, en colaboración con Jaione Camborda, Javier Fernández Peréz de Lis e Xosé Lois Gutiérrez Failde.

Nesa mesma liña, as esculturas de Elena Colmeiro e Mar Ramón Soriano atópanse a través dos traballos das mulleres e das redes culturais xeradas pola emigración, do mesmo xeito que as de Julia Minguillón e a fotógrafa Mar Caldas.

Por outra banda, os afectos e os coidados protagonizan o encontro entre Andrea Costas e Virxilio Viéitez, mentres que o corpo feminino e a sexualidade aparecen no diálogo entre Chelo Matesanz e Arturo Souto.

Diferentes disciplinas

Outros encontros desbordan os límites tradicionais das disciplinas. Mar Vicente leva a xeometría e a abstracción de José María Labra máis alá do cadro mediante espellos e luz; Julia Huete atópase coa abstracción matérica de Berta Cáccamo, e Yolanda Castaño reactiva a voz de Loreto Martínez Troncoso nunha polifonía.

Os materiais tamén serven de punto de diálogo entre as enigmáticas esculturas de Francisco Leiro e as estruturas metálicas de Pablo Barreiro, mentres que o cineasta Lois Patiño traslada ao audiovisual as cores e o universo pictórico da súa nai, Menchu Lamas.

A atención ao aparentemente insignificante une a Kiko Pérez e a fotografía de Vari Caramés, mentres que a dimensión política aparece no encontro entre Pía Piados e a Estampa Popular Galega, colectivo xurdido a finais dos anos sesenta contra a ditadura franquista.

Ademais, o artista Yoseba MP reinterpreta a fotografía de Xurxo Lobato cunha pintura que mestura humor e memoria rural. Mesmo a poesía atopa o seu lugar no diálogo entre Carlos Rodríguez-Méndez e Tino Grandío, a partir dunha obra do pintor vinculada á figura dun campesiño e unha gadaña que inspira unha instalación performativa sobre o fío e a repetición.

Quizais unha das conexións máis sutís sexa a de Jacobo Bugarín, que converte o traslado duns caramelos nunha ponte entre dúas institucións, en diálogo coa obra de Salvador Cidrás.

O artista lévaos desde a retrospectiva de Félix González-Torres no Reina Sofía ata o Museo Gaiás, unha acción que resume o espírito de 'Ser Noutras': que as obras están vivas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade