Publicador de contidos
Publicador de contidos

"Sen os investimentos en igualdade habería maior desgaste social", asegura a secretaria de Estado de Igualdade

"Sen os investimentos en igualdade habería maior desgaste social", asegura a secretaria de Estado de Igualdade

Na declaración institucional da FEGAMP polo 8 de marzo, os concellos galegos avogan por conseguir a representación paritaria en corporacións e alcaldías

O 22 % dos concellos galegos está gobernado por unha alcaldesa, pasouse de 18 alcaldesas en 2003 a 71 en 2023

Galicia recibiu 30 millóns de euros do Goberno de España desde 2021 e 5 millóns os municipios para traballar na corresponsabilidade

Aina Calvo, secretaria de Estado de Igualdade
G24.gal 27/02/2024 10:02

Alcanzar a paridade nos concellos é o obxectivo que fixa a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), no marco dunha declaración institucional de cara ao vindeiro 8 de marzo, o Día da Muller, e en que se reafirma no compromiso coa igualdade de xénero en todos os espazos da vida política e social local.

Ese propósito de conseguir a representación paritaria en corporacións e alcaldías ponse de manifesto este martes na xornada Pioneiros. Políticas de Igualdade nos concellos galegos. Concellos galegos na vangarda das políticas de igualdade en Santiago de Compostela. Nela participan distintas mulleres con responsabilidades nas administracións estatal, autonómica e local, entre elas, a Secretaria de Estado de Igualdade, Aina Calvo, que foi entrevistada no programa Bos días da Televisión de Galicia. 

O 22 % dos concellos galegos está gobernado por unha alcaldesa, pasouse de 18 alcaldesas en 2003 a 71 en 2023

O 22 % dos concellos galegos está gobernado por unha alcaldesa, pasouse de 18 alcaldesas en 2003 a 71 en 2023. "É un grande avance, un sinal de que estamos na boa dirección, pero tamén cómpre que nos manteñamos en alerta porque queda aínda un longo camiño por percorrer; de aí a importancia, por exemplo, da lei de paridade que se está tramitando no Congreso vai impulsar as listas cremalleira para afianzar a presenza das mulleres na vida política deste país", asegurou Calvo.

"Aínda temos moito por avanzar e necesitamos da complicidade dos concellos para conseguilo"

Todas as administracións están presentes na xornada, comezando pola máis próxima, a local. Alcaldes, alcaldesas, concelleiros e concelleiras poñen en común as súas boas prácticas no simposio.

"A política, a vida municipal é a base da convivencia e cómpre que haxa igualdade de representación nela. Aínda temos moito por avanzar e necesitamos da complicidade dos concellos para conseguilo: a fenda salarial segue existindo, as mulleres cobran menos, acumulan máis contratos precarios, por cada home que deixa a súa carreira profesional por coidados hai 10 ou 11 mulleres, e na atención profesional dos coidados son as mulleres as que ocupan eses postos nun 85 %", detallou a secretaria de Estado, quen tamén asegurou que as conclusións desta xornada constituirán unha guía para todo o país. 

Investir en igualdade para minimizar o desgaste social

"Sorprende que haxa quen pense que sobran a perspectiva de xénero e a política de igualdade, que a violencia de xénero é un invento ou que as mulleres nos estamos pasando da raia con isto do feminismo. Hai 1.245 mulleres asasinadas a mans das súas parellas ou exparellas, a última confirmada hoxe, o que di moito do desafío que temos por diante", subliñou.

"Cómpre que sigamos investindo en igualdade, ese investimento é necesario porque se non habería maior desgaste social e temos que evitar iso; xa que somos a metade da poboación, parece razoable que todo se reparta por igual, pero iso non sucede. Cada vez hai máis graduadas pero poucas mulleres chegan a postos directivos".

Galicia recibiu 30 millóns de euros do Goberno de España desde 2021 e 5 millóns os municipios para traballar na corresponsabilidade

Na consideración de Aina Calvo, os concellos son imprescindibles porque teñen unha gran capacidade de sensibilización, poden traballar desde a coeducación ata a corresponsabilidade. "Galicia recibiu 30 millóns de euros do Goberno de España desde 2021 e 5 millóns os municipios para traballar nesa corresponsabilidade e imos seguir traballando deste xeito coordinado para implicar os homes nos coidados, na conciliación e facelos cómplices da axenda feminista", aseverou a secretaria de Estado.

O vindeiro 8 de marzo será o primeiro en que Aina Calvo estea á fronte da Secretaría de Estado de Igualdade e as reivindicacións incidirán en manter activa a axenda da igualdade. "A conquista de dereitos non significa que estean consolidados, lembremos sempre que cando unha muller avanza, avanzamos todas", rematou Calvo, cun recordo en memoria da exministra socialista Carme Chacón, "que nos axudaba sempre con esa reflexión ligada á igualdade entre homes e mulleres".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar