Publicador de contidos

Publicador de contidos

O 'Luar' da Televisión de Galicia, premio Rebulir da Cultura Galega 2025

O 'Luar' da Televisión de Galicia, premio Rebulir da Cultura Galega 2025

O histórico programa recibe o galardón na categoría Homenaxe, “polo seu papel insubstituíble como escaparate cultural e plataforma de referencia na televisión pública”

Os Premios Rebulir distinguen este ano tamén o grupo de música galega Malvela, a actriz Cristina Castaño e a emigración galega en Euskadi

G24.gal 30/09/2025 11:14

Os Premios Rebulir da Cultura Galega 2025 distinguiron o programa ‘Luar’ da Televisión de Galicia, na súa categoría Homenaxe, “polo seu papel insubstituíble como escaparate cultural e plataforma de referencia na televisión pública”. O xurado sinalou que “durante máis de tres décadas, ‘Luar’ contribuíu á cohesión social, á difusión do talento artístico e á valorización da identidade galega, converténdose nun punto de encontro interxeracional e símbolo da proxección cultural do país”. A gala de entrega celebrarase o 20 de decembro no marco do Festival Internacional Rebulir (FIR_2025) en Ramirás (Ourense).

Nesta XIV edición dos Premios Rebulir foron galardoados tamén o grupo Malvela, na categoría Música Galega, pola súa traxectoria e firme compromiso coa música tradicional; a actriz Cristina Castaño, pola súa brillante e versátil carreira interpretativa en teatro, cinema e televisión, na categoría Artes Escénicas, e a emigración galega en Euskadi que, representada polos seus centros, recollerá o Premio Rogelio García Yáñez á emigración galega polo seu labor constante na preservación da identidade e da cultura galega, mantendo vivo o vínculo coa terra de orixe.

Dende a súa creación, os Premios Rebulir de Cultura Galega consolidáronse como un dos recoñecementos máis relevantes do panorama cultural do país. Ao longo das súas 14 edicións teñen destacado o labor de artistas, entidades e proxectos que, dende diferentes ámbitos, traballan pola defensa, preservación e proxección da identidade galega.

O próximo 20 de decembro, Ramirás volverá converterse nun punto de encontro da cultura galega, nunha gala que reunirá autoridades, artistas, colectivos culturais e público, reafirmando o espírito do Festival Internacional Rebulir como espello da tradición e da modernidade cultural de Galicia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade