'Santiago de Compostela no tempo', un retrato da cidade en mil ángulos
Pódese visitar na sede de Afundación ata o 10 de setembro
É a primeira mostra do proxecto Cidades no tempo, que contará en sete exposicións as sete cidades galegas
Cidades no tempo é un proxecto que retratará en sete exposicións as sete cidades galegas. E a primeira xa se pode visitar. É a de Compostela, e ofrécenos unha viaxe por cen pezas e mil ángulos.
Dende a porta convídanos a pasar a campá do reloxo da Universidade de Santiago. Unha campá laica entre as "cen campás" das igrexas da cidade. Regulaba as horas, a vida dos estudantes.
'Santiago de Compostela no tempo' é unha mostra que salta séculos e séculos.
Idade de Bronce. Puñais no petróglifo do Castriño de Conxo. Primeira estación rupestre galega en que se identificaron armas.
E viaxamos ao mito fundacional, a Translatio, o traslado dos restos do Apóstolo Santiago e os avatares ata conseguir soterralo nun antigo templo pagán.
A cidade levantou o seu ensanche sobre unha densa capa de minifundios. E merstúrase co campo, por exemplo, entre a feira de Santa Susana e a praza de abastos.
Cen pezas para contar unha cidade en que conflúen varios poderes. Podemos ver a urna de votación do Cabido de Santiago, do século XVIII. E o libro máis antigo preservado na cidade e posiblemente en Galicia, o Libro de horas de Fernando I e Sancha, pergameo do ano 1055.
E saltamos do Códice Calixtino á novela negra Crime en Compostela, pasando polo pracer de ler a prensa reflectido no rostro Alfredo Brañas.
E podemos saltar a unha "vietnamita", multicopista dos anos 60 con que os estudantes imprimían material de oposición ao réxime. E sentar á mesa do gabinete de Ramón Piñeiro, en que se concentraba boa parte da recuperación da cultura galega durante o franquismo.
Castelao retratando os viaxeiros da carruaxe de Rianxo a Santiago. Respirar unha clase de pintura. Lembrar a partir de fotos onde estaban, onde están esas trazas que a cidade pousou na nosa retina.
A exposición fala de memorias, sons, textos e vida. E di que non hai cidade sen voces, que non hai cidade se non a contamos.