A Cidade da Cultura despídese da mirada viaxeira do premiado fotógrafo Boris Savelev
‘Boris Savelev. Viewfinder, unha forma de mirar’ conta con máis dun cento de fotografías entre as que se inclúen unha ducia de imaxes inéditas tomadas en Galicia
Constitúe a maior retrospectiva dun artista fundamental na fotografía urbana contemporánea, galardoado co premio PHotoESPAÑA en 2024 e actualmente residente en Vigo
Pódese visitar ata o domingo 2 de novembro e está producida pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en colaboración co estudio Factum Arte e La Fábrica
A exposición Boris Savelev. Viewfinder, unha forma de mirar pecha as súas portas este domingo 2 de novembro no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura logo de ter recibido preto de 20.000 visitas. Inaugurada a mediados do pasado mes de xuño pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e producida en colaboración con La Fábrica e Factum Arte, a mostra achegou ao público galego a mirada viaxeira dun dos fotógrafos urbanos independentes máis destacados da súa xeración.
A exposición constitúe a retrospectiva máis ampla realizada ata hoxe do artista de orixe ucraína, galardoado co premio PHotoESPAÑA 2024. Reúne un centenar de instantáneas capturadas ao longo de seis décadas de traballo incansable: desde os seus primeiros anos na Unión Soviética como freelance para publicacións rusas e estranxeiras, ata unha ducia de fotografías inéditas tomadas en Cambados, Lugo, Santiago de Compostela e Vigo, onde reside actualmente tras fuxir do seu país por mor da invasión rusa.
A vida anónima nas cidades
A fotografía de Savelev caracterízase por retratar a rutina das cidades cunha sensibilidade particular que constrúe imaxes fondamente evocadoras a partir do cotián. Abondan as personaxes anónimas, os detalles de escaparates, rúas e mobiliario urbano, en composicións nas que os xogos de luces e sombras son protagonistas. Ao longo da súa traxectoria fotografou cidades como Moscova, San Petersburgo, Nova York, Drede, Bonn, Londres, Madrid e sobre todo a súa Chernivtsi natal, lugares que marcaron a súa vida e alimentaron a súa curiosidade.
A maior parte das imaxes que se poden ver no Museo Centro Gaiás foron reproducidas cunha técnica especial desenvolvida por Factum Arte en colaboración co artista, que emprega paneis de aluminio recubertos de gesso en lugar de papel, e unha impresora plana especial de inxección de tinta capaz de construír a imaxe por capas de cor. Este método, xunto co puído e encerado que se lles dá como acabado final, asemella as impresións a pinturas realistas.
A obra de Savelev forma parte das coleccións de importantes galerías e museos de todo o mundo, como o Museo de Arte Moderno de Nova York, a Staatsgalerie de Stuttgart ou Museo de Sarre en Saarbrücken (Alemaña), entre outras moitas. Ademais, foi o primeiro fotógrafo non oficial da URSS que publicou unha monografía en Occidente (Secret City. Londres, 1988).
A Cidade da Cultura ofrece na fin de semana visitas guiadas de balde para afondar polo miúdo nesta exposición, para as que pode reservarse praza a través da web da Cidade da Cultura. Ademais, na mañá do domingo 2 de novembro celébrase na sala do Museo Centro Gaiás, e coas entradas esgotadas, a última función da obra de teatro inmersivo Castelao e Savelev: olladas converxentes, que se inspira nas vidas e obras do artista e intelectual galego e do fotógrafo ucraíno.