As Pontes saborea a XXXV Feira de Fungos e Cogomelos
A cita celebra a riqueza micolóxica da comarca e mostra o potencial culinario deste produto de temporada
As Pontes celebra a súa riqueza micolóxica cunha nova edición da Feira de Fungos e Cogomelos. A cita pon sobre a mesa un produto de temporada moi valorado nas cociñas, pero potencialmente perigoso. Das mil cincocentas especies identificadas en España, polo menos cen son tóxicas. A Agrupación Micolóxica Poupariña leva case catro décadas impulsando o coñecemento dos cogomelos.
"As Pontes é un concello moi extenso e con moita variedade de hábitats. Iso facilita que se poidan atopar moitos tipos de cogomelos", explica Miño Guerreiro, presidente de Poupariña.
Este ano conseguiron reunir máis de cento cincuenta variedades na exposición da feira. Sorprende a diversidade e tamén a cantidade nada desdeñable de exemplares tóxicos, algúns potencialmente mortais. Aos que se inician na micoloxía recoméndanlles ir ao monte acompañados dun experto e só recolectar os fungos que poidan recoñecer de forma indubidable.
"Chámame a atención o grupo das amanitas. Todos coñecemos a famosa perigosa, pero hai outras cun aspecto moi tranquilo e... non hai que fiarse", comenta unha visitante.
"Só coñezo catro ou cinco especies, pero engancha saír ao monte a buscar os cogomelos", di unha muller interesada na exposición.
A feira quere realzar o potencial culinario deste produto de temporada. Os nenos puideron probalo en receitas salgadas e doces nun taller de cociña.
"Podes facer cremas, caldos... Hai cogomelos que aguantan moi ben, como o shitake ou o shitake deshidratado", di Juan Carlos Agilda, o cociñeiro que dirixiu o taller.
A gastronomía seguirá sendo protagonista na última xornada da feira, coa degustación popular dun menú micolóxico.