Retrato íntimo da raíña Vitoria Euxenia en 350 pezas
A mostra pódese ver en Madrid, na Galería das Coleccións Reais, ata o 5 de abril
Amosa dende cadros, cartas e fotos ata raquetas de tenis, vestidos e xoias da bisavoa de Filipe VI, incluíndo o seu manto de armiño e a súa tiara
Abriu ao público en Madrid unha grande exposición dedicada á raíña Vitoria Euxenia, que modernizou o papel da consorte na Coroa.
Na Galería das Coleccións Reais pódense contemplar 350 pezas relacionadas coa súa vida de raíña e de muller.
Destaca, dentro dunha vitrina, unha tiara que seguro que algo lles soa.
Mais a mostra retrata a cara máis íntima dunha raíña lectora, cunha historia chea de luces e sombras.
Neta da raíña Vitoria de Inglaterra, Vitoria Euxenia de Battenberg, Ena, pisou por primeira vez España en xaneiro de 1906 para selar o seu compromiso co rei Afonso XIII.
Catro meses despois, subiu a un coche de caoba e converteuse en raíña. Pero ao saír da voda un anarquista tiroulle á comitiva nupcial dende un balcón un ramo de flores cunha bomba dentro.
Morreron 25 persoas. Os reis saíron ilesos, mais a ela quedoulle unha sombra no corazón para toda a vida.
Nun país convulso e antigo, fíxose unha raíña consorte moderna. Deixou o legado do grande impulso que lle deu á Cruz Vermella. Aos seus fillos inculcoulles a súa afección pola lectura, a moda, a fotografía, o deporte ao aire libre, a música.
En todo iso pensaría ante o seu tocador estilo imperio, tamén exposto en Madrid. Pensaría así baixo o peso da tiara Flor de Lis, centos de diamantes que aínda hoxe vemos nos informativos sobre a cabeza da actual raíña.
A Vitoria Euxenia a II República levouna ao exilio.
E o rei e mais ela separaron os seus camiños. A última vez que pisou España foi en 1968 para coller no colo, para bautizar o seu afillado, un tal Filipe de Borbón.