Os temporais atascan a construción: a chuvia e o vento impiden traballar nas obras
A sucesión de borrascas altera a planificación e atrasa os prazos
A auga interrompe tarefas como a pavimentación e a escavación
Os guindastres teñen que parar con refachos de máis de 70 km/h
O tren de borrascas atasca a construción. O sector atravesa un dos invernos máis difíciles dos últimos anos, porque a chegada continua de chuvia e de vento impide que avancen os traballos. En moitas obras hai días nos que non se pode facer apenas nada.
Acontece en pequenos e grandes proxectos en toda Galicia. E vémolo de xeito evidente na ampliación do polígono de Navia, en Vigo, unha das maiores obras que están arestora en marcha en Galicia. Alí levan meses abrindo novas rúas e nalgunhas parcelas xa empezaron a levantar edificios pero nas últimas semanas o traballo foise interrompendo de xeito constante.
Con chuvia, é moi difícil avanzar nas escavacións e hai tarefas concretas, como a pavimentación de espazos públicos, que simplemente non se poden facer.
"Os traballos fanse moi moi lentos. As planificacións non se cumpren porque coa chuvia non se pode traballar ao ritmo correcto", asegura Diego Fernández, xefe de obra de Construcións Orega diante dunha parcela convertida agora mesmo nunha piscina con máis de metro e medio de auga.
Tamén é un problema importante o vento. Os guindastres estáticos paran automaticamente cando os refachos chegan aos setenta quilómetros por hora e tampouco poden funcionar cando hai tormenta eléctrica.
"Hai que reprogramar traballos. Algúns que dependen do guindastre temos que cambialos para facer outras cousas e moitas veces ten un efecto importante no prazo. Outras veces hai que prolongar ou cambiar a xornada para non coincidir co vento", explica o xefe de obra de Copcisa, Javier Louzao.
"Complícanos moito o vento, co guindastre. Ademais, estamos empezando coa fase de albanelaría e tampouco podemos avanzar. Unha semana de chuvia intensa como esta atrásanos en total un mes de obra", resume José Ferrín, encargado de obra nun edificio que constrúe Citanias.
Mentres, as bombas achican auga en varias parcelas. Noutra, tiveron que botar pedrullo para poder baixar.
"Hai que levalo... Con roupa de auga e botas, non queda outra", di con resignación Juan Carrera, veterano obreiro de Acciona.
Na práctica ningunha obra queda completamente parada, sempre hai traballo que facer. Pero en Navia algunha empresa pediu xa unha ampliación do prazo para poder rematar a súa encarga.