Avalancha de peticións no primeiro día do plan de axudas 'Renova o teu vehículo'
Arranca o programa da Xunta para mercar coches eléctricos ou de baixas emisións
Son descontos directos no prezo dos vehículos que poden chegar aos 4.600 €
Hai que dar de baixa un automóbil vello e mercar un novo de ata 47.000 euros
Ás nove en punto concesionarios de toda Galicia empezaron a enviar solicitudes para o novo plan para mercar vehículos da Xunta que se abría este xoves.
Ducias de compradores interesados xa entregaran a documentación os días anteriores, sabendo que o programa ía arrancar e que conta cun orzamento limitado, tres millóns e medio de euros. Querían asegurar a subvención antes de que se esgotasen os fondos.
Galicia é a primeira comunidade autónoma que pon en marcha un plan de axudas en 2026 tralo remate do programa estatal Moves III. Ampara a venda de coches e furgonetas eléctricas ou de baixas emisións. Hai que dar de baixa un vehículo vello (máis de dez anos se é un turismo, cinco se se trata dunha furgoneta) e mercar un novo, que teña un prezo máximo de 47.000 euros.
"Sempre me gustou ter un coche eléctrico. Eu vivo nunha casa e é factible cargalo. Pero, claro, os prezos dos eléctricos non tan baixos como quixeramos e coas axudas anímante a vir mercalo", explica José, un cliente que o primeiro día foi preguntar nun concesionario do grupo Stellantis en Vigo.
"O cliente galego sabe que por estas datas haberá algo. Así que levamos con rebumbio case dende finais de 2025, con clientes que viñan preguntar: «Que sabedes do plan Renova?» «Quero esperar polo plan Renova», porque saben que algo adoita haber", asegura Marcos Feijóo, xefe de vendas de Stellantis&you en Vigo para as marcas Peugeot, Opel e Leap Motor.
A axuda pode chegar aos catro mil euros, catro mil seiscentos no caso de familias numerosas. A principal novidade con respecto a convocatorias anteriores é desta volta que o cliente non ten que adiantar cartos, son os concesionarios os que fan os trámites e o comprador ten un desconto directo no prezo do vehículo.
"Hoxe metín catro peticións xa, e a miña compañeira, seis", conta Arturo Ojea, asesor comercial de Stellantis, aínda a media mañá.
O Ministerio de Industria tamén anunciou que este ano aprobaría un novo plan de axudas que colla a remuda do Moves pero de momento o Goberno non confirma a data concreta na que empezará nin as cantidades que terán as subvencións.