Un propietario ten atemorizada unha comunidade de veciños de Santiago
"O medo sempre está aí, esta xente non entende de leis", asegura o presidente da comunidade
Este luns non se presentou no xulgado un veciño de Santiago ao que a comunidade do número doce da rúa Touro denunciou en numerosas ocasións por ameazas, agresións e danos. Aínda lle quedan varias vistas pendentes e este foi o segundo xuízo ao que se enfrontou.
A vista foi cuestión de minutos. O acusado non compareceu, só a presidenta e a secretaria da comunidade, en representación duns veciños que están fartos de ter que aturar un dos propietarios. O mozo herdou o piso cando faleceu súa nai e aí comezaron os problemas. Agresións, ameazas e danos en todo o edificio. Os veciños xa teñen unha primeira sentenza de condena.
"Tivemos un xuízo o día 28 contra un deles, por amezas, e xa temos sentenza, non é firme pero temos sentenza. O beneficio para nós, son seis meses de afastamento e de non poderse comunicar con nós", afirma a presidenta da comunidade.
"Eu esperaba que fose un pouquiño máis longa porque son persoas que cada vez son máis violentas", di a secretaria, que representa aos veciños.
Dende marzo nin o dono, nin os seus amigos pasan polo segundo D no número 12 da rúa Touro. Pero o medo a que volvan segue estando presente.
"O medo sempre está aí, porque esta xente non entende de leis, nin se presentan aos xuízos. A súa notificación do xulgado apareceu na nosa vivenda. E non o considero a sentenza unha vitoria, o mellor é que non vivan alí" suliña a presidenta.
"El é o dono do piso e ten todo o dereito a volver. Ese é o medo que temos nós, que volva e que comece todo outra vez, cos mesmos insultos, ameazas..., con todo exactamente igual", asegura a secretaria.
Segundo relatan na veciñanza, agora vive preto de Santiago, en Brión, onde protagonizou outra das súas desfeitas. Levar a rastro co coche o dono dun bar ao que non lle quixo pagar unhas botellas de alcol e uns refrescos. O resultado, a vítima cun brazo roto, feridas en boa parte da cara, potes por todo o corpo e un dente partido.