Publicador de contidos

Publicador de contidos

Nova Zelandia reforza o dispositivo de busca do mariñeiro galego desaparecido

Nova Zelandia reforza o dispositivo de busca do mariñeiro galego desaparecido

O mariñeiro desaparecido é Juan Carlos Broullón, o xefe de máquinas do palangreiro Viking Bay e veciño de Bueu

Perimétrase "unha área de procura arredor de 300 millas na zona de Fiji, é dicir, nas Antípodas, na zona de Nova Zelandia"

O presidente de ARVI, Javier Touza Touza, agradece ao Servizo de Rescate de Nova Zelandia pola súa colaboración coa mobilización dun avión e dous buques

Juan Carlos Broullón, o mariñeiro de Bueu desaparecido en augas do Pacífico
G24.gal 29/12/2025 10:37

Continúa a procura do mariñeiro de Bueu, Juan Carlos Broullón, o xefe de máquinas que desapareceu no Pacífico este sábado 27. O Viking Bay,  o barco no levaba unha década traballando ten a súa sede en Vigo.

O Viking Bay é un palangreiro duns 43 metros e medio de eslora dedicado á captura do peixe espada e tiburón que pertence a unha organización que agrupa os palangreiros de superficie na Cooperativa de Armadores de Vigo. 

Neste contexto, o Centro de Coordinación de Rescates Marítimos de Nova Zelandia confirmou a través dun comunicado de que foi notificado ás 9:10 horas do domingo -hora neozelandesa- polo Centro de Coordinación de Rescates Marítimos de Madrid de que un tripulante dun barco pesqueiro desaparecera e sospeitábase que caera pola borda.

O presidente da Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI), Javier Touza Touza informa de que "o resto da tripulación está en perfectas condicións", excepto os dous desaparecidos, un deles Juan Carlos Broullón, "do que non se saben exactamente as causas da desaparición".

No momento en que se notificou o incidente, o barco pesqueiro atopábase a 570 millas náuticas ao nordés da punta da Illa Norte de Nova Zelandia e a unhas 450 millas náuticas ao sur de Fiji, zona que se atopa dentro da rexión de procura e salvamento de Nova Zelandia.

Así, o Centro de Operacións Marítimas de Nova Zelandia transmitiu mensaxes aos buques próximos solicitándolles que "estivesen atentos á persoa desaparecida", tal e como detallou.

Javier Touza relata que están "a perimetrar unha área de procura arredor de 300 millas na zona de Fiji, é dicir, nas Antípodas, na zona de Nova Zelandia", e que tamén se atopa en colaboración o servizo de rescate aéreo de Nova Zelandia, ademais dalgún barco pesqueiro da propia empresa e doutras empresas similares. Albergamos esperanza, aínda que temos que ter en conta que normalmente estas axencias de salvamento, unha vez que transcorren arredor de 72 horas, normalmente xa terminan a procura, porque consideran que é moi difícil localizalo".

"Pedimos a colaboración das autoridades consulares españolas para que, na medida do posible, colaboren con nós na procura. Sabemos que é unha misión moi difícil, pero a esperanza é o último que se perde, e imos seguir traballando. Repito, chámanos a atención, xa que é un barco en moi boas condicións, estamos a falar de xente moi experimentada, tanto o tripulante desaparecido como a empresa armadora, con moita experiencia nestas augas, con varios barcos na zona. É un tributo que, periodicamente, temos que pagar ao mar. O mar dánolo e o mar quítanolo", comenta o presidente da Cooperativa de Armadores de Pesca de Vigo.

Non se saben exactamente as circunstancias nas que desapareceu, posto que de súpeto se realizou un reconto de tripulación, sobre a hora para xantar, e un tripulante faltaba, estiveron a buscalo pero non apareceu.

"Está a volver sobre os seus pasos o propio pesqueiro, coordinándose con outros barcos, coordinándose, como digo, co Servizo de Rescate de Nova Zelandia, que unha vez máis, igual que O Canadá, igual que Namibia, sempre están a colaborar con nós, sempre temos que darlles as grazas. [...] Pero sempre dar o noso agradecemento a todos estes servizos de rescate e, por suposto, a solidariedade da xente do mar, que unha vez máis, están a demostrar que sempre podemos contar con eles na procura, aínda que sexa moi difícil. Hoxe por min, mañá por ti, é así, é a rutina da xente do mar e consideramos que é necesario sempre poñer en valor esa solidariedade", comenta Javier.

Así, Nova Zelandia continúa a colaborar na procura co encargo a un avión p-8A Poseidón da Real Forza Aérea de Nova Zelandia de que realizara unha busca na tarde do domingo, ademais de engadir este luns outros dous buques mercantís.

Por agora non transcende máis información acerca das causas e circunstancias da súa desaparición.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade