Publicador de contidos

Publicador de contidos

As familias despiden os barcos galegos que pasarán os próximos catro meses nas Malvinas

As familias despiden os barcos galegos que pasarán os próximos catro meses nas Malvinas

Tras o descanso de Nadal, dezaseis pesqueiros navegan xa cara ao Atlántico Sur para capturar pota

Os barcos levan agora conexión a Internet, o que facilita moito a comunicación coa casa

G24.gal 09/01/2026 14:01

Sempre foi un momento duro. Os últimos barcos da frota galega que pesca nas illas Malvinas marcharon este venres de Vigo rumbo ao Atlántico Sur. En total, dezaseis pesqueiros foron saíndo estes días, despois dunhas semanas de descanso polo Nadal. Como en cada marea, as familias achéganse ao peirao para despedir os mariñeiros aos que non verán, en persoa, durante os próximos catro meses. Ao pé dos barcos hai saúdos, apertas, bicos e algunha bágoa.

"Aquí a parte máis dura é estar lonxe da familia. Deixas a muller, deixas fillos, deixas moita xente da que vas estar lonxe", asegura Óscar Rosales, primeiro oficial do Argos Berbés.

Rosales leva dende os dezaoito anos no mar. Agora ten cincuenta e dous. Neses trinta e catro anos cambiaron moitas cousas. Agora, os barcos teñen conexión a Internet. Os mariñeiros poden estar ao día das noticias, poden ver series, por exemplo, e, sobre todo, poden falar a diario coas familias. O WhatsApp converteuse nunha compaña imprescindible.

"Para, dalgún xeito, estar aí presente día a día nas cousas que poidan xurdir na casa. Porque ti estás aquí e eles tamén teñen problemas alá e ti non estás alí para poder axudar", explica o primeiro oficial do Argos Berbés.

"Antigamente non había Internet e pasabamos meses sen falar coa familia e agora falamos cada día con eles", lembra Ibrahima Fall, veterano contramestre do Argos Berbés, que leva vinte e cinco anos no mar.

A lei do triángulo

O Argos Berbés marcha de Vigo con sesenta e oito homes a bordo. Nos seus oitenta e cinco metros de eslora conviven catro nacionalidades: españois, indonesios, peruanos e senegaleses. Algúns veñen directamente dende os seus países para embarcar e volven aló despois de cada campaña. No barco, os mariñeiros comparten cuartos. Os oficiais teñen camarotes individuais con baño propio. Despois, a convivencia faise sobre todo no comedor.

"Chámase a vida do triángulo: comedor, camarote e cuberta. Despois da cuberta estamos no comedor, comendo ou falando e logo cada un ao seu camarote", resume Fall.

A viaxe ata as Malvinas supón uns vinte días de navegación. Ao chegaren, os barcos farán as últimas probas antes de empezar a capturar pota. Se todo vai ben, volveremos velos en Galicia en maio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade