Publicador de contidos

Publicador de contidos

Chega a Galicia a impactante exposición que amosa o interior de cadáveres auténticos

Chega a Galicia a impactante exposición que amosa o interior de cadáveres auténticos

A mostra inclúe oito corpos completos e máis dun cento de órganos humanos

Están conservados cunha técnica que permite que se manteñan intactos

G24.gal 08/10/2025 13:58

A beleza está no interior, sobre todo coa ollada da ciencia. Chega a Galicia unha das exposicións científicas máis impactantes do mundo. Bodies Evolution permite ver o interior do corpo humano a través de cadáveres e órganos que, aseguran, son absolutamente auténticos. De persoas que, no seu día, aínda en vida, aceptaron que os seus restos se utilizasen para fins de divulgación.

Sen a manta da pel, pódese ver, de xeito literal, como é unha persoa por dentro: o aparato dixestivo, os pulmóns, as veas, os músculos, os tendóns...

"Primeiro, creo que nos chama a atención que fosen corpos reais. Guau! Estivo vivo!", relata Samuel Ibarra, estudante vigués de primeiro de bacharelato. "E despois ver as estruturas así pola metade é de verdade interesante".

Na exposición hai oito corpos completos e máis un cento de órganos, algúns con enfermidades, o que fai posible entender como afectan as doenzas ao noso organismo.

Percorrela é como dar un pequeno curso de anatomía. Por iso, é unha visita habitual para os colexios e institutos que teñen clases de bioloxía e anatomía.

"Deberiamos saber como funciona o noso corpo, deberiamos coñecer partes fundamentais do noso copo e, ás veces, é abraiante ver como cousas lóxicas non as saben", asegura Lucía Santos, profesora de bioloxía e anatomía do colexio Compañía de María de Vigo.

"Xa non digo a farinxe e a larinxe, que están moi conectadas, pero sobre todo o fígado ou o estómago, non saben localizalos. E o páncreas xa nada", engade Áurea Parcero, mestra de Bacharelato do IES Ricardo Mella.

"A verdade é que impresiona moito ver os corpos. Non imaxinas que iso está dentro de ti", confirma Inés Rasillo, alumna de terceiro de ESO.

Os corpos consérvanse intactos porque están deshidratados. É a coñecida como técnica da plastinación.

"A plastinación é un proceso posterior á momificación na que se extraen todos os líquidos e logo se poñen unha serie de elementos para que os corpos queden plastinados toda a vida", explica o director de mercadotecnia da exposición, Barney Martín.

Bodies Evolution pode verse no pazo de congresos Mar de Vigo ata finais de outubro. As entradas xerais custan doce euros, con descontos para algúns colectivos. Logo, a partir do 5 de novembro, a mostra abrirá na Coruña, no centro comercial Marineda.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade