Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un mozo de 23 anos falece nun accidente na estrada que discorre polo paseo do río Rato, en Lugo

Un mozo de 23 anos falece nun accidente na estrada que discorre polo paseo do río Rato, en Lugo

No interior do vehículo ían catro persoas, e os bombeiros tiveron que liberar tres, que quedaron feridas de diversa consideración

O condutor do automóbil é a vítima mortal da saída de vía

G24.gal 05/03/2026 07:46 Última actualización 05/03/2026 14:01

O accidente tivo lugar preto das dúas da mañá deste xoves. Foi unha saída de vía na estrada LU-P-2925 á altura do paseo do río Rato, en Lugo.

Segundo as primeiras informacións da Policía Local, un turismo que circulaba en dirección a Madrid por esta vía saíu da estrada e terminou chocando contra unha árbore. Como consecuencia do forte impacto, o condutor, un mozo de 23 anos, perdeu a vida e tivo que ser excarcerado, do mesmo xeito que o resto dos ocupantes, polos bombeiros que acudiron ao lugar do accidente.

No vehículo viaxaban ademais outras tres persoas, que quedaron feridas e foron evacuadas ao HULA. Unha delas atópase en estado moi grave, outra presenta feridas de carácter grave e a terceira sufriu lesións leves.

Foi un dos implicados quen chamou ao 112 Galicia pasadas as 01:50 horas desta madrugada explicando que acababan de ter unha saída de vía no quilómetro 1 da LU-P-2925, á altura do Paseo do Río Rato. O propio alertador sinalou que non daban saído ao exterior.

De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros e a Policía Local de Lugo, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento. Tamén se alertou ao Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias, do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, por se fora necesaria a súa intervención.

Os bombeiros confirmaron desde o lugar que excarceraron tres persoas. Ao mesmo tempo, e malia os esforzos, confirmouse o falecemento do condutor do vehículo.

A Policía Local está elaborando o correspondente atestado do sinistro para determinar as causas exactas do mesmo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade