Publicador de contidos
Publicador de contidos

'Cis', 'trans', 'zápping' ou 'aeroxerador', novas entradas no Dicionario da RAG

'Cis', 'trans', 'zápping' ou 'aeroxerador', novas entradas no Dicionario da RAG

A Academia Galega incluíu case 400 novas incorporacións ao seu glosario

A RAG estrea aplicación para dispositivos móbiles

G24.gal 10/01/2023 12:19

Cis, trans, zápping, jaccuzzi, iadismo ou idadistas son algunhas das novas entradas do dicionario da Real Academia Galega (RAG). O dicionario rematou o 2022 con case 35 millóns de consultas e a incorporación de case 400 cambios entre novas entradas, novas acepcións en termos xa rexistrados e modificacións de redacción das definicións.

Ademais, desde a Academia tamén ten dispoñible xa unha nova aplicación para dispositivos móbiles Android e iOS, desenvolta co apoio da Fundación Barrié.

A RAG explica nun comunicado que as últimas incorporacións ao dicionario "son froito do traballo de revisión constante que realizan os membros do Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega".

Algunhas delas responden o diálogo que se establece cos usuarios ou usuarias, que poden enviar as súas propostas a través dunha lapela na páxina web da institución. 

Entre elas figuran neoloxismos como idadismo e idadista, que se refiren á discriminación contra persoas ou colectivos por razóns de idade, especialmente cando esta se produce contra as persoas maiores.

Tamén aparecen xa no dicionario cis e trans, formas abreviadas de cisxénero e transxénero, que xa contaban con cadansúa entrada.

Deporte electrónico nomea a competición de videoxogos entre dous ou máis usuarios, fundamentalmente cando é practicada por profesionais e conta con moitos espectadores, e aeroxerador é o dispositivo que converte a enerxía cinética producida polo vento en enerxía eléctrica.

A preocupación polo cambio climático está tamén coa entrada da voz antropoceno e das locucións quecemento global e efecto invernadoiro

Outras palabras designan produtos de uso cotián na cociña como alfábega, a forma galega para se referir á planta aromática Ocimum basilicum, ou de crecente popularidade, como a alfarroba, froito cuxo consumo se está a estender como substituto do cacao.

A RAG tamén fixo actualizacións que completan familias léxicas e que, malia seguiren as regras de formación de palabras propias do galego por sufixación, di a Academia, son motivo de consultas recorrentes por parte dos usuarios do Dicionario. Son así xa lemas do Dicionario expendedoría, lexibilidade, segredismo, solteiría, procedemental, actitudinal, competitividade, masaxear, titorizar ou versionar.

Outro grupo de palabras que agora se poden atopar no Dicionario está formado por estranxeirismos como mandala, zápping ou jacuzzi, e tampouco faltan voces de vocabularios especializados pero de uso estendido por distintos motivos como incomparecencia, peticionar ou trabar embargamento ou embargo, no caso do léxico xurídico; ou de escoada, sinónimo de coada, e delta lávico, dous termos máis que se suman a outras incorporacións derivadas da revisión que propiciou a erupción do volcán da Palma no ano 2021.

Tamén hai novidades referidas a novas acepcións de termos ou expresión xa de antes estaban no no Dicionario. Así, por exemplo, crocante ademais do significado xa rexistrado de caramelo ou xeado con cachiños de améndoa, incorpora o de alimento que fai ruído ao mordelo e mastigalo; compoñedor,-a, suma ao de curandeiro/a o de persoa que pon de acordo dúas o máis partes que están enfrontadas por algún desacordo, e transportador ten unha nova acepción referida ao receptáculo utilizado para o transporte de animais domésticos pequenos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade