A RAG enxalza a obra e a figura de Begoña Caamaño no seu pleno extraordinario
As alocucións académicas corren a cargo de Ana Romaní, Marilar Aleixandre e Víctor F. Freixanes
Henrique Monteagudo pecha o acto que se celebra no Teatro Principal de Santiago
A Real Academia Galega (RAG) celebra o pleno extraordinario do Día Das Letras Galegas deste 2026, dedicado a Begoña Caamaño, no Teatro Principal de Santiago.
O acto é de entrada libre ata completar a capacidade e conta con alocucións académicas sobre a figura e a obra da homenaxeada a cargo de Ana Romaní, Marilar Aleixandre e Víctor F. Freixanes.
O presidente da institución, Henrique Monteagudo, encárgase de pechar a sesión e a música corre a cargo da mugardesa Sofía Espiñeira.
A RAG lembra que a "gran festa da cultura galega" naceu en 1963 e que entón se elixiu como homenaxeada a Rosalía de Castro, "autora fundacional das letras galegas contemporáneas".
"Un ano despois nacía en Vigo Begoña Caamaño, a protagonista deste 17 de maio", remarca a institución académica que subliña a súa faceta como escritora, alén de xornalista e activista, ata o seu falecemento debido a un cancro cando acababa de cumprir os 50 anos.
"Pero as dúas novelas que publicou, 'Circe ou o pracer do azul' (2009) e 'Morgana en Esmelle' (2012), merecen un lugar salientable nas letras galegas contemporáneas, tanto polo seu talle literario e lingüístico como pola súa capacidade de reflexión sobre grandes temas universais", remarca a institución académica, que celebrou distintas actividades e propostas para todas as idades para lembrar a súa figura.