O mercado das lambonadas resiste, e cada español consome dous quilos e medio ao ano
Os produtos tradicionais conviven con novas preparacións
O sector medra, malia o aumento do prezo do chocolate
Lambada, lamberetada, lambeta, lambetada, lambiscada, lambonada, larpeirada, peperetada, peperete... Hai moitas palabras no dicionario, pero todas saben igual, a doce. O subsector dos caramelos e gomas de mascar foi o que máis creceu no negocio do doce en España o último ano. O mercado interior medrou un oito por cento, e así, segundo os datos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, cada español consome ao ano 2,6 quilos destes produtos. No comercio, os preparados tradicionais conviven coas novas variedades, se ben hai quen bota en falta sabores da infancia.
"Ai, os Pirulís!", lembra con nostalxia unha muller diante do mostrador dun quiosco. "Eu tiña uns que eran como un pauciño... Agora hainos con forma de paraugas, pero eran de caramelo".
"Agora o que máis vendemos son estas bolsiñas con lambonadas variadas, fresquiñas, que normalmente se fan todos os días", explica Karina López, a titular do histórico quiosco Gran Vía de Vigo, onde levan medio século vendendo prensa e caramelos.
Na variedade está o negocio. Xunto cos produtos tradicionais, xorden empresas que apostan por novas vías para comercializar lambetadas. Lorena Villar trasladou hai menos dun ano a súa tenda á porta dun colexio de Vigo, pero, en realidade, ese non é o seu mercado. Pola contra, ofrecen sobre todo, produtos personalizados: para aniversarios, comuñóns ou actos de empresa, porque tamén os adultos gustan das lambetadas. O desafío, hoxe, son os prezos das materias primas, en especial o chocolate.
"O chocolate é dos produtos en que máis se notou a suba do prezo. Podemos ter nun quilo unha suba de tres ou catro euros dunha semana a outra", explica a responsable de Eventos & Golosinas Meloso.
De feito, o chocolate é o alimento que máis subiu en España o último ano, un 21 %. En cambio, baixou o azucre. O seu prezo, non as calorías.