María José de Pazo: "As ganas de saber a verdade non van decaer nunca"
Os familiares das vítimas do Villa de Pitanxo viven este primeiro aniversario do naufraxio de forma "moi intensa e moi triste"
A Comisión que investiga o sinistro dará a coñecer nas próximas horas un informe provisional
Con tristura e moita nostalxia viven os familiares das vítimas do Villa de Pitanxo o primeiro aniversario do naufraxio. Este mércores a portavoz das familias, María José de Pazo, explicaba nos programas Galicia por diante da Radio Galega e no Bos Días da Televisión de Galicia que están vivindo o ocorrido de forma "moi intensa e moi triste", rememorando a última vez que falaron con eles e tamén como foron aquelas primeiras horas despois do naufraxio.
María José de Pazo lembra que a casa armadora, o Grupo Nores, non lles avisou do ocorrido: "É incrible a maneira na que responderon. Que menos que levantar o teléfono ou mandarnos a alguén á casa dar a noticia".
Durante todo este ano as familias non deixaron de loitar para que se esclarezan as causas do sinistro.
"Nunca baixamos os brazos. Estamos satisfeitos cos pequenos pasos dados, pero queremos seguir dando máis", di De Pazo.
De momento xa conseguiron que se abra unha investigación xudicial na Audiencia Nacional, que está en fase de instrución, e que se baixe ao pecio para descubrir o que pasou. A operación terá lugar este verán.
A Comisión que investiga o sinistro dará a coñecer nas próximas horas un informe provisional. O definitivo, segundo De Pazo, farase público "despois de que se baixe ao barco". As familias, afirma, non tiran a toalla.
"Esta é unha semana de tristura, recollemento e saudades. Pero o ánimo e as ganas de saber a verdade non van decaer nunca", explica.
Os familiares dos tripulantes mortos e desaparecidos no naufraxio do Villa de Pitanxo insisten nas súas palabras de agradecemento para os mariñeiros do Playa Menduíña 2 polos labores de rescate que fixeron o día do accidente.
"Os tripulantes do Playa Menduíña 2 son uns heroes. Arriscaron a súa vida. Dámoslles as grazas infinitas", di a voceira das familias.
Este luns tivo lugar en Marín un acto de agradecemento público a eses tripulantes do Playa Menduíña 2.
O venres volverase lembrar en Marín os mariñeiros falecidos no naufraxio do Villa de Pitanxo. Vaise colocar unha placa en memoria das vinte unha vítimas mortais nun acto que terá lugar ás cinco da tarde e, unha hora despois, oficiarase un funeral na igrexa de Santa María do Porto.