Publicador de contidos

Publicador de contidos

Reciclar, reutilizar e agora borrar a información: a onde vai o noso vello ordenador?

Reciclar, reutilizar e agora borrar a información: a onde vai o noso vello ordenador?

Só dúas empresas en Galicia están autorizadas para reacondicionar produtos de residuos electrónicos

Cada vez introducimos máis datos sensibles nos dispositivos que nos rodean, do teléfono ao televisor

G24.gal 16/10/2025 14:38

Onde vai o ordenador que tiñamos antes no traballo? E o teléfono da empresa? Que foi da información almacenada neses dispositivos? Só dúas compañías de Galicia están autorizadas para reacondicionar e volver pór no mercado restos de residuos electrónicos.

Unha delas, Revertia, no Porriño, foi a primeira de España en contar con ese permiso. O ano pasado recibiron novecentas toneladas de residuos e este ano xa van polas mil. Revisan, reparan e actualizan, sobre todo, ordenadores, móbiles e tablets, pero ultimamente aumenta a variedade. Chegan reloxos ou ata drons.

Os máis aproveitables son os ordenadores, entre o corenta e o sesenta por cento poden ser reutilizados.

"Está crecendo cada vez máis a reutilización de móbiles e tabletas e estamos aprendendo tamén con dispositivos novos que nos están chegando como os televisores intelixentes", explica o director de Revertia, Alejandro Lajo.

"A nivel mundial os residuos que máis crecen son os eléctricos e electrónicos, que o fan en 2,6 toneladas anuais", alertaba a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, na visita que fixo ás instalacións de Revertia no Porriño.

Moitos dos aparellos reacondicionados véndense, normalmente con grandes descontos. Pero, antes, hai que borrar a información que levan consigo. Cada vez temos máis dispositivos electrónicos ao noso arredor e cada vez introducimos máis datos sensibles.

Un televisor, por exemplo, pode ter gardado o contrasinal do noso correo electrónico porque está asociado á conta da plataforma coa que temos subscrición. Empresas e entidades, algunha moi moi grande, envían ao Porriño os seus equipos e esixen garantías de que se lles borrou a información.

"No móbil da empresa podes ter correos electrónicos, nóminas, fotos, contactos...", asegura Rubén Vázquez, o director de Operacións de Revertia.

Os aparellos que xa non quere unha empresa poden servirlle a un particular ou poden acabar nun instituto. Tamén se fan doazóns a causas benéficas. En Revertia xestionan estes días o envío de cen ordenadores para empresas que quedaron sen equipos informáticos pola DINA de Valencia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade