Rueda celebra o éxito de Cortizo na inauguración da súa nova nave en Coirós
Rueda aposta por impulsar en Galicia un ecosistema industrial baseado na sustentabilidade e a economía circular
O presidente da Xunta participou na inauguración da nova nave, á que chega ferralla dos cinco continentes para darlle unha nova vida
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, apostou este martes por continuar impulsando en Galicia un ecosistema industrial baseado en "a sustentabilidade e a economía circular".
Así o destacou durante a inauguración da nova planta de reciclaxe e fundición que Cortizo inaugurou en Coirós. No acto, o presidente galego estivo acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana.
Con esta nova instalación, a empresa avanza no seu compromiso coa reutilización e a xestión de residuos, á vez que dá exemplo para seguir impulsando esta estratexia entre o resto da industria galega.
"É unha satisfacción que empresas galegas que empezaron moi aos poucos, agora teñan este tamaño e sigan tendo claro que o segredo está en facer as cousas ben", sinalou Rueda.
A continuación, remarcou que "é posible" continuar co crecemento, seguir fabricando e respectar "cada vez máis" o medioambiente, todo iso, incidiu, "a pesar das trabas que a algúns lles gustaría poñer".
Ferralla dos cinco continentes
A esta nave de Cortizo en Coirós chega ferralla dos cinco continentes para darlle unha nova vida. Aquí reciclan aluminio usado de fiestras, cubertas ou varandas retiradas de edificios ou rodas de bicicletas para producir cicindros de aluminio 100% reciclado.
Cun investimento de 38 millóns de euros e a creación de ata 40 empregos directos ao máximo da súa produción, proxectos como este, di Alfonso Rueda, son un exemplo da industria pola que aposta a Xunta.
A planta ten capacidade para producir 100.000 toneladas de aluminio reciclado ao ano.