Pecha inesperadamente unha cadea de centros estéticos e deixa tirados clientes e traballadores
Hedonai, con catro locais en Galicia, baixa a persiana sen previo aviso
"É que levo un ano intentando poder facelo, xuntando os cartos, facendo as miñas horas extras para poder pagalo, e agora nada".
"Non puiden gozar de ningunha sesión nin nada, é tirar os cartos", comentan varios clientes.
Indignación e impotencia ante o peche das clínicas Hedonai. Pagaron tratamentos que non van recibir. Non é a primeira vez que pecha algún centro. Agora aféctalles a todos, uns vinte en toda España, catro deles en Galicia que hoxe amosaban este aspecto. Ninguén ao outro lado da porta para dar explicacións. Tan só un breve comunicado de cesamento de actividade a horas intempestivas un día festivo.
"Mandáronme á noite unha mensaxe que cesaba a actividade e que podiamos reclamar, por iso viña, a ver se era certo ou que pasaba, porque á unha e corenta da mañá non é lóxico que che manden unha mensaxe".
Nas últimas semanas seguían axendando citas. Algunha para hoxe mesmo. Con todo, moitos clientes sospeitaban que algo raro sucedía, porque era imposible comunicarse con eles.
"Vin porque mandaban mensaxes e non me contestaban, e a señorita no mostrador dixo que tiñan uns problemas no móbil".
Estas clínicas adoitan usar como gancho bonos con descontos a cambio de pagar por adiantado o tratamento completo.
"Eu aproveitei o Black Friday, que tiñan unhas ofertas á metade de prezo, e collín unha oferta de 600 euros no tratamento, do cal soamente fixen dúas sesións", apunta unha das afectadas.
Necesitan documentación para empezar as reclamacións e informes clínicos para poder continuar o tratamento noutro centro, pero non teñen con quen comunicarse. Tampouco vía Internet.
"Eu pensei, estamos a día 20, ata final de mes haberá alguén para solucionar algo, pero é que nada", lamentan.