Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta promove a construción de 1.435 vivendas, o 80 % protexidas, no barrio ourensán do Vinteún

A Xunta promove a construción de 1.435 vivendas, o 80 % protexidas, no barrio ourensán do Vinteún

A previsión é aprobar o proxecto definitivamente este ano e comezar a desenvolvelo en 2028 

Cun investimento de 250 millóns contempla ademáis das vivendas, 342 prazas de aparcamento, máis de 1.300 árbores, así como un parque de 35.000 metros cadrados 

Infografía do proxecto para o barrio do Vinteún Infografía do proxecto para o barrio do Vinteún
G24.gal 20/03/2026 16:06

O Proxecto de Interese Autonómico residencial (PIA) no barrio ourensán do Vinteún ten prevista a construción de 1.435 vivendas, 342 prazas de aparcamento e a plantación de máis de 1.300 árbores, así como a creación dunha praza de preto de 6.000 metros cadrados que será o "foco e centro" de toda a actuación.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, explicou os detalles do PIA xunto ao proxectista Álvaro Fernández Carballada, nunha rolda de prensa celebrada este venres na Delegación Territorial da Xunta en Ourense.

Xa ten a tramitación ambiental 

Allegue celebrou as "boas noticias" tras a publicación da aprobación inicial do citado proxecto no Diario Oficial de Galicia (DOG), que "xa conta con toda a tramitación ambiental".

"É o punto de inflexión que nos permitirá xa este mesmo ano aprobalo definitivamente para comezar canto antes", engadiu. Nesta liña, a titular de Vivenda recalcou que espera que esta actuación "sexa unha realidade en 2028", ante a necesidade de "compaxinar" urbanización e edificación, cun orzamento estimado para a primeira de 13,5 millóns de euros, "achegados integramente" polo Executivo galego.

"Queremos ese desenvolvemento para Ourense e esa necesidade de solo para construír vivendas, e que esta fermosa cidade siga crecendo a través dun proxecto pensado para conectar, coser e seguir facendo cidade", recalcou a conselleira de Vivenda.

Aos 13,5 millóns de euros sumarase o investimento inducido por parte de promotores, cooperativistas e a propia Xunta, estimado en 250 millóns de euros, para a construción das propias vivendas, das cales un 80 % serán protexidas.

Álvaro Fernández Carballeda precisou que o ámbito seleccionado conta cunha superficie de 167.000 metros cadrados, dos cales 134.345 forman parte do sector de solo urbanizable. Desa superficie, 97.000 metros cadrados, sobre o 85 % dese solo urbanizable, destinaranse a espazos libres, equipamentos e viario.

En concreto, 45.000 metros cadrados executaranse como espazos libres, 21.000 metros cadrados para parcelas de equipamento, e 30.000 metros cadrados para sistema viario, de tal forma que os restantes 37.000 metros cadrados destinaranse ás parcelas edificables nas que se prevé construír as 1435 vivendas.

Parque de 35.000 metros cadrados 

O proxectista explicou que na contorna do arroio Cudeiro se creará un parque de preto de 35.000 metros cadrados.

"O concepto que se está desenvolvendo é completar as mazás inacabadas do barrio e o resto son edificacións en tipoloxía de edificación aberta, que permite que todas as vivendas e todas as súas dependencias sexan exteriores con vistas ao sistema viario ou aos espazos libres", engadiu.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade