A pesca de baixura alerta de que é imposible cumprir cos novos controis que esixe a UE
Os barcos de menos de doce metros terán que anotar cada peixe que pesquen
Trescentos mariñeiros das Rías Baixas participaron nunha protesta en Cambados
O mar vén picado na costa galega e non é só polo vento. O sector da baixura alza a voz contra os cambios no Regulamento de Control de Pesca da Unión Europea que impoñen novas esixencias aos barcos pequenos.
A partir de agora, as embarcacións de máis de doce metros terán que incorporar o diario electrónico a bordo. Entre outras obrigas, os mariñeiros deberán anotar todo o que capturen, incluso os peixes pequenos, rexistrando cada especie, peso e zona.
"Nós indo ao mar, se imos a unha cousa, non podemos ir a outra. Non somos oficinistas. Danche clases de sanidade, clases de salvamento marítimo, clases contra incendios, e agora, da noite para a mañá, mándanche saber informática", quéixase Ángel Martínez, patrón e armador de Cambados.
"Todos que temos máis de cincuenta anos estamos aburridos, fartos, non podemos máis. Isto é inviable. Cargas, cargas, cargas, seguido, seguido. Non podemos máis", asegura ao pé do embarcadoiro Juan Carlos Somoza, que ten un pequeno barco en Cambados.
En sinal de protesta, este luns quedou amarrada a frota de varios portos das Rías Baixas: Cambados, o Grove, Portonovo, A Illa ou Rianxo. Uns trescentos mariñeiros reuníronse na lonxa de Tragove para expresar o seu malestar. Todos coinciden na mesma idea: os novos controis son imposibles de cumprir.
A norma non encaixa coa realidade do traballo no mar. Poñen un exemplo claro: a Unión Europea esixe que os barcos notifiquen con dúas horas e media de adianto, como mínimo, cando van chegar a porto, para que poidan ser inspeccionadas. Pero os pescadores contestan que a inmensa maioría da baixura traballa a minutos dos seus portos.
"É inviable. Ten que lexislar dunha vez alguén que saiba o que é o sector. Non contan con nós para nada. Descoñecen como é o traballo nun barco e como se poden facer as cousas", explica Rafael Varela, armador de Vilaxoán.
"Non sei por onde máis poden apertar á frota. Non sei cal é o sentido desta normativa. Se é controlar, non sei que máis queren controlar", engade o patrón maior da Confraría de Pescadores de Cambados, Alejandro Valverde.
O novo regulamento de pesca da Unión Europea aprobouse en 2023 e foi entrando en vigor aos poucos. Os novos controis entraron en vigor o sábado 10 de xaneiro.