Unha cafetería de Ourense sortea entre os clientes unha cesta de Nadal cada día
Unha cafetería de Ourense sortea entre os clientes unha cesta de Nadal cada día
A promoción comeza o 20 de novembro, ata o día da Lotaría do Nadal
O dono do local puxo en marcha a iniciativa hai 16 anos, para premiar a fidelidade dos seus clientes
Viños, doces, turróns e ata dúas noites de hotel contén a cesta que sortea a cafetería Novelty de Ourense. Ao seu redor, trinta caixas, que conteñen os mesmos produtos, empaquetados e listos para entregar.
As cestas ocupan un lugar preeminente no local, e non é para menos, porque de aquí ás vésperas do Nadal van sortear unha trintena. E se temos en conta que levan 16 anos con esta iniciativa, a cifra ascende ao medio milleiro.
"Premiar dalgunha maneira os clientes día a día, do mes a mes, do ano a ano... De feito, temos clientes de todas as partes de Ourense", sinala José Manuel Barreda, propietario da cafetería.
Os clientes reciben a súa participación con cada consumición, independentemente do custo. Tres cifras que, para gañar a cesta, deben coincidir coas tres últimas do sorteo diario da ONCE.
"Eu son cliente habitual, un pola mañá e outro pola tarde, pero nada, que non hai maneira de que nos toque nada". "A min tocoume un ano. Moi ben, moi ben, unha cesta moi completa", comentan dous clientes con diferente fortuna. Pero se hoxe non hai sorte, non pasa nada, porque mañá hai unha nova oportunidade.
"Algún cliente levou dúas cestas no mesmo ano porque, claro, o sorteo é seguido e aleatorio", comenta o dono do local a modo de anécdota.
A promoción acaba de arrincar, así que quedan por diante trinta oportunidades.