Remata o temporal de chuvias, que deixou 300 incidencias, e actívase a alerta laranxa na costa

A Xunta activa o Plan Inungal para vixiar a enchente de seis ríos

No litoral da Coruña e Pontevedra agárdanse ventos de forza 7-8 e ondas de sete metros

G24.gal 26/10/2023 20:11 Última actualización 26/10/2023 20:42

O diluvio que caeu durante a noite do xoves deixou atrapados varios coches aparcados a carón do río Miñor en Gondomar.

"Xa pasou o ano pasado e desta volta sacamos quince coches de aquí", explica un dos veciños.

"Algúns salváronse, outros tiveron mala sorte e están estragados", apunta outro.

A chuvia tamén espertou os veciños que residen na ribeira do Berbés, en Vigo. Tras un forte estrondo causado por un corremento de terras, un río de auga e lama entrou por dous edificios, que tiveron que ser desaloxados.

"O corremento de terras entrou polos vidros, rompeu as galerías arrastrando todo", conta un dos afectados.

Outro apunta como responsables ás obras que se fixeron na demolición do barrio do Cura. Di que ao quitar a vexetación quedou libre a terra do noiro lindeiro coas casas. 

Das 300 incidencias rexistradas en Galicia, boa parte foron por asolagamenton de estradas e accidentes de tráfico. As consecuencias da chuvia seguiron unha vez rematado o episodio. A mediodía os servizos de urxencias acudiron a rescatar un microbús escolar que quedou atrapado nunha balsa de auga provocada pola enchente do Arnoia en Allariz. O mesmo río desbordouse en Baños de Molgas.

Por primeira vez este outono a Xunta activou o Plan Inungal para vixiar o nivel dos ríos en risco de desbordamento. A vixilancia céntrase polo de agora no Arnoia, o Caldo e o Támega na provincia de Ourense e no Tea, o Louro e o Tamuxe na provincia de Pontevedra.

A situación mellorou en terra a medida que avanzou o xoves, pero ao mesmo tempo empeorou no mar. A Xunta activou unha alerta laranxa no litoral da Coruña e Pontevedra por ventos que poden chegar a forza 7 ou 8 e ondas de ata sete metros de altura.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade