Os cosméticos feitos con Mel de Galicia aspiran a un premio europeo

Con Belacolmea a Agrupación Apícola de Galicia busca novas alternativas para sacar maior rendemento á súa produción 

Agardan que a preselección para os premios ARIA 2023 impulse a súa expansión comercial

 

Cosméticos feitos con mel
G24.gal 09/11/2023 14:44

Os produtores de mel galegos seguen procurando diversificar a sua produción. A sua última proposta, unha liña de cosméticos naturais, acaba de ser preseleccionada para uns premios que recoñecen as iniciativas máis inspiradoras do sector agrario a nivel europeo. Os responsables da selección valoraron a contribución desta iniciativa ao desenvolvemento rural porque, amplía as alternativas profesionais da apicultura.

"A varroa, a invasión da vespa velutina, os incendios ou o cambio climático están minguando a colleita das colmeas galegas. Pero iso redobra o empeño dos apicultores por rendibilizar o máis posible un produto recoñecido de vello pola súa calidade", recalca Esther Ordoñez, veterinaria da Agrupación Apícola de Galicia. 

"Xa no 'Códice Calixtino' se recoñecía o mel de Galicia como un alimento excelente, pero non só o empregaban para consumo interno, senón tamén para bálsamos e ungüentos".

Tirando da potencialidade de usos do mel máis aló da gastronomía, a Agrupación Apícola de Galicia abriu unha liña de investigación coa Universidade de Vigo e o apoio de Desenvolvemento Rural.

Ao cabo de dous anos, o resultado é unha serie de produtos para o coidado da pel que ten como base Mel de Galicia. 

"Cada un leva ademais aceites esenciais, segundo o que queiramos con ese produto: para dores musculares, picaduras de insectos, para ampolas e feridas. Creo que chegamos a unhas fórmulas maxistrais moi interesantes". 

Á hora de saír ao mercado tiveron en conta a inspiración que lles deu o 'Códice Calixtino' e a potencialidade promocional do Camiño de Santiago. 

Agora, o seu obxectivo e ir implantando a nova marca no mercado dos cosméticos naturais. Nese camiño esperan que lles axude o feito de ser un dos oito proxectos seleccionados pola Rede PAC de España para aspirar aos premios ARIA 2023, que valoran as mellores iniciativas de desenvolvemento rural a nivel europeo. 

"Agardamos chegar a final de Bruxelas e poñer o sector apícola no lugar que merece".

Investigadores da Universidade colaboraron no desenvolvemento dos produtos Investigadores da Universidade colaboraron no desenvolvemento dos produtos
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade