Recoñecemento ás enfermeiras de Ourense por reduciren a ansiedade dos pacientes
O equipo de enfermaría cirúrxica do hospital de Ourense quedou finalista dos coñecidos como os "premios Goya da enfermaría"
Propoñen intervencións educativas para reducir a ansiedade dos pacientes que se van operar
Un quirófano é territorio hostil para un paciente. Para combater a ansiedade que xera someterse a unha operación, o equipo de enfermaría da área cirúrxica de Ourense propón unha sesión educativa co paciente uns días antes da operación.
Alba Alonso González, coautora do proxecto: "O que máis os inquieta é o momento de espera da familia, que vive momentos de incerteza, ás veces cun diagnóstico oncolóxico. Preocúpaos que lles vai ocorrer no proceso cirúrxico, que lle van contar á miña familia, voume sentir acompañado..."
Puxeron a idea en práctica, un ensaio clínico con 184 pacientes, uns asesorados e outros non. E concluíron que ese acompañamento previo reduce a ansiedade, baixa a tensión arterial e mellora a percepción do estrés ambiental dos pacientes.
"Valorámolo mediante unha escala de ansiedade, unha precirúrxica e outra postoperatoria, e vimos que os niveis de ansiedade descendían", confirma Alba.
A investigación quedou de finalista nos Premios Enfermería en Desenvolvemento, que se entregaron no Teatro Real de Madrid.
"O traballo é por e para o paciente. O que pretendiamos é humanizar o proceso cirúrxico", conclúe a enfermeira.
Á súa categoría presentáronse preto de 300 traballos. Gañou un proxecto madrileño sobre a planificación de decisións sanitarias.