Chuvia millonaria no barrio do Calvario en Vigo
A cafetería Mus reparte 1,2 millóns de euros do primeiro premio do sorteo da Lotería Nacional
Chuvia de cartos en Vigo. A cafetería de Mustafá vendeu vinte décimos do primeiro premio do sorteo da Lotería Nacional. Un millón douscentos mil euros que maiormente repartirán entre veciños do barrio do Calvario. Unha das clientas do bar Mus aínda amosa un anaco de papel que vale 60.000 euros.
Mustafa Altinsoy Aklas, de orixe turca, conta como o soubo: "Chámame Vicente, o dono da lotaría, e dime que o primeiro premio nos tocou a nós, entón entráronme os nervios buscando a lotaría, pero eu non o creo porque sempre está facendo bromas. E dime Mus, mírao ben, é o 15024, o primeiro premio e tocou aquí, entón saltamos todos".
Mus leva 24 anos en España e o seu negocio é dos que resisten dende entón na rúa Gregorio Espino de Vigo. Acaba de repartir un millón douscentos mil euros entre as súas empregadas e unha clientela fiel que recoñece a súa honradez e bo facer.
Os clientes coinciden en que "é bo rapaz, bo rapaz"; "alegreime de que lles tocara a Mus e ás camareiras porque é unha boa persoa, e tamén a máis rapaces que coñezo de parar aquí", di outro fixo do local.
Mus recoñece que ao principio non o cría e que se puxo nervioso: "Estabamos todos tolos aquí buscando a lotería. Ao final tiñamos 20 boletos, dez collémolos os meus empregados mais eu e outros clientes. Pero un tío colleu 10. Chegou, dixo que este vai tocar, colleuno e marchou".
A ledicia na cafetería Mus esténdese mesmo aos que non sorriu a sorte, como contan eles mesmos: "Non tivemos esa sorte. Teño a sorte de traballar, nada máis...."; mentres que outra clienta quéixase de que deixou de xogar. Outro é mais pragmático: "Aos que non nos tocou, a seguir vivindo. A min non me fai moita falta porque ao mellor me cambiaba a vida...".
O propio Mus está sorprendido: "Moita xente dime: Alégrome que che tocara, Mus, porque es boa xente. Levo 24 anos sempre traballando, antes tiña dúas cafeterías, agora unha. Os meus empregados levan oito anos traballando aquí. Á parte a miña cafetería é multicultural, con xente de todas as partes, e lévaos ben, grazas a Deus todo ben".