Carla Simón gaña o premio de Novos Cinemas: "Galicia é a miña familia e é o meu cine"
A directora catalá recoñeceu sentir unha "conexión moi máxica" con Galicia e, en especial, con Pontevedra e co festival Novos Cinemas
'Romería' (2025), a súa última filme, é a peza que lle axuda a pechar o círculo de películas persoais máis persoais, sobre as súas raíces
Carla Simón xunto a Daniel Froiz (2d), director de Novos Cinemas; Miguel Anxo Fernández Lores (3I), alcalde de Pontevedra; Demetrio Gómez, concelleiro de Cultura; Eva Vilaverde, tenente de alcalde; e Suso Novas (d), director artístico de Novos Cinemas (EFE / Salvador Sas)
A directora catalá Carla Simón ('Romería') recibiu este martes en Pontevedra o I Premio de Cinematografía Novos Cinemas e reivindicou que Galicia "é a miña familia e é o meu cine" e un lugar ao que "me fai moita ilusión volver".
"Deime conta de canto me gusta volver ás Rías Baixas porque teñen moito significado para min", subliñou Simón, que lembrou que esta terra "por encima de todo", é o lugar "onde naceu a historia de amor dos meus pais".
Desde que viaxou a Galicia para buscar as súas raíces paternas, sente "moita nostalxia" ao volver porque "sempre me parece que podo estar a pisar algúns dos sitios polos que estiveron os meus pais ou que mesmo poderían aparecerse ao dobrar calquera esquina".
Recoñeceu sentir unha "conexión moi máxica" con esta terra e, en especial, con Pontevedra e co festival Novos Cinemas, onde coa estrea de 'Estiu 1993' fai oito anos, "sentín que a miña película achaba á súa xente e que lles resoaba".
"'Romería' é a peza que me axuda a pechar o círculo de películas persoais máis persoais, sobre as miñas familias e as miñas raíces", engadiu a directora, que avanzou que sente que chegou o momento de deixar ir para seguir crecendo a nivel persoal e cinematográfico.
Carla Simón valorou especialmente que este premio de Novos Cinemas recoñeza o risco creativo e a coherencia ética e estética do cinema, xa que ela cre nun cinema que suxire, que arrisca e que propón sen medo a equivocarse.
"Eu cada día tento lembrarme o afortunada que son de poder facer películas, porque o cinema convídame ou me dá a oportunidade de vivir nunha constante procura sen conformarme nunca", defendeu a directora catalá.
O cinema, engadiu Simón, é unha vía "para seguir crecendo", unha actitude vital que considera que "vai moito máis alá" dos procesos creativos e que "é unha maneira de estar no mundo".
Recoñece que esa concepción do cinema "non sempre é fácil e ás veces é esgotadora", pero sostivo que "dunha maneira ou outra sinto que sempre compensa".
Na súa intervención, Carla Simón tamén reivindicou que conciliar no cinema "non é nada fácil" e que sente que "nos queda un longo camiño para cambiar dinámicas, desfacernos de culpas e repensar comportamentos sistémicos para vivir e crear con máis tranquilidade".
Por agora, este premio, nun momento de transformación "creativa e vital" e no que "algo se pecha para deixar espazo ao que vén", deulle "moita forza" para seguir facendo un cinema honesto, que naza desde dentro e que se materialice, sobre todo, en películas con alma.
"Emocióname pensar que este novo comezo naza aquí, a que sinto que é a miña outra casa", concluíu emocionada entre os aplausos dos asistentes, entre elas varias das actrices que participaron en 'Romaría', a película coa que "deixei ir todo ese pasado".