O tramo da A-54 entre Arzúa e Melide podería tardar varios meses en completarse
Este novo atraso súmase a todos os anteriores na autovía entre Lugo e Santiago, unha obra cuxo remate estaba previsto para 2010
A menos dun mes para que se acabe o ano, todo indica que as obras da autovía que unirá Lugo e Santiago aínda van tardar meses en rematarse. Á espera da finalización dos traballos nos 16 quilómetros pendentes, o tráfico segue a desviarse pola estrada nacional 547 no tramo entre Arzúa e Melide. É nestas vilas onde se concentran as queixas dos usuarios, en especial dos profesionais do transporte.
"Ao mediodía tópaste con moita lea, o que implica máis tempo en chegar. Os turismos pasan, pero os camións tardamos máis. Esa media hora que botamos atrancados na vila para nós supón perdas", sinala o transportista Alberto Blanco.
Este novo atraso nas obras súmase a todos os anteriores dende que se abrira o primeiro tramo nos anos 90. De feito, prevíase que a autovía estivese completada en 2010, pero sucesivos incumprimentos de diversos gobernos levaron a que aínda non estea rematada.
Segundo o Ministerio de Transportes, a autovía estará terminada canto antes, aínda que non facilitou unha data concreta. Nas obras están a traballar máis dun cento de operarios e 25 máquinas, que se ocupan do afirmado de terras, das drenaxes, da sinalización ou da construción do último paso superior.