Os usuarios quéixanse da deterioración das autovías ao seu paso por Lugo
Piden un arranxo integral do firme
As numerosas fochancas representan un perigo para a seguridade viaria
A chuvia e a falta de mantemento fan que as autovías se enchan de fochancas, que representan un serio perigo ao volante. Transportistas e condutores denuncian o mal estado do pavimento e din que nalgunhas zonas da A-6 o firme está seriamente deteriorado.
Os usuarios coinciden en que o estado nalgúns tramos é lamentable. "Abandonado todo". "Atópoa moi mal, todo cheo de buratos".
A cantidade de auga caída este temporada acabou por pór en evidencia o deficiente mantemento das autovías. As fochancas aparecen coma cogomelos na A-6 ao seu paso pola provincia de Lugo. "Eu levo moitos sustos porque hai sitios onde non dás esquivado as fochas."
Máis dunha roda queda nas fochancas e os amortecedores sofren. "Eu fun librando pero como vaias algo descoidado aí quedan as rodas". José Fernández, presidente de Tradime di que as vías están fatal "e isto non é consecuencia dun día e de moito tempo sen investir nin arranxalas. Falan de que o problema é a chuvia coma se nunca chovera en Galicia".
Os transportistas levan tempo pedindo actuacións integrais no firme da A-6 e da A-8 porque os parches, ben se ve coa chuvia, teñen unha vida limitada. Unha solución temporal que pode acabar transformándose nunha trampa para rodas.
Ademais, e máis importante, dos posibles danos materiais, o mal estado da calzada representa un risco para os usuarios das vías. "A maioría dos tráilers levamos doce rodas e o risco de atopar unha focha de gran tamaño poder rebentar unha roda ou unha saída de vía con risco de perdas humanas".
Piden un reasfaltado integral, polo menos, das zonas máis deterioradas.